Unións Agrarias denuncia que o empresario Xesús Lence intenta negociar á baixa con cada granxa e non con colectivos.
O sector leiteiro está preocupado logo de que Leite Río anunciase que a partir do un de setembro pararía de recollerlle leite a unha cooperativa da comarca de Ordes que engloba a ducias de explotacións. Este mesmo xoves, Unións Agrarias, a través do seu secretario de Acción Sindical, Xabier Iglesias, pediulle á Consellaría de Medio Rural que presione á compañía de Xesús Lence para evitar que esta decisión acabe sentando un precedente.
Para Unións, Lence ten unha estratexia que é romper coas cooperativas para logo negociar individualmente á baixa con cada granxa. O propio empresario lugués recoñeceu que nos vindeiros meses podería cancelar acordos con máis cooperativas se non hai un “repunte” do consumo. Consideran que Medio Rural pode “mover ficha” participando no conflito con mecanismos como as licenzas ou a inspección exhaustiva da actividade de Leite Río.
O SLG fala de novas mobilizacións
O Sindicato Labrego Galego, que xa se mostrara en desacordo co último pacto entre industrias e produtores, afirmou que o que está a suceder nos últimos días confirma que o tratado non deixou de ser un acto “propagandístico” e “desmobilizador”. Por iso, anuncia que comeza os preparativos para novos actos de protesta.