Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acusacións de Adicae

Morosidade camuflada, caciquismo e abusos cos consumidores das entidades financeiras

A Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas advirte das manobras das entidades para ocultar a realidade da gravidades das súas cifras.

Redacción - 12:15 19/08/2009

Evitan poñer nomes concretos de entidades pero avisan de que a situación abrangue a un número elevado de entidades. De xeito específico, Manuel Pardos, presidente da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae) falou este martes de arredor de 15 ou 20 caixas "en perigo" no actual escenario de crise financeira. "Hai entidades que están soportando situacións similares ás vividas por Caja Castilla-La Mancha e o Banco de España sabe que hai entre 15 e 20 entidades nunha situación moi perigosa", denunciou Pardos.

O responsábel de Adicae considera que moitas caixas actuaron a niveis de "caciquismo rexional" con grave "irresponsabilidade" e asegura que as políticas adoptadas colocáronas en situacións moi complicadas. "O carácter social das caixas foi usado como coartada para os intereses locais e autonómicos, que non se atreven a recoñecer a especulación inmobiliaria que se produciu", expuxo o voceiro do colectivo.

Segundo a avaliación realizada por Adicae, os datos ofrecidos polo Banco de España sobre taxas de morosidade "distan da realidade". Subliña Manuel Pardos que as entidades usan de todo tipo de "trucos e artimañas" para realizar a "maquillaxe" das súas contas de resultados e reducir as cifras públicas de morosidade. Entre outros, citan desde Adicae a taxación de vivendas "completamente minusvalorada" durante a execución dos embargos ou mesmo a "dación de pago", propoñendo a devolución da vivenda para agochar a morosidade. Apuntan desde o colectivo que o incremento da morosidade real cara a fin de ano vai implicar que varias entidades aparezan no gume da creba. Adicae tamén se queixa de que o fondo para reestruturación do sector que deseñou o goberno español "esquece os consumidores" ao tempo que outorga oportunidades ás caixas para melloraren artificialmente os seus indicadores.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: