Malia estar nas primeiras planas o futuro do sistema financeiro galego, o presidente da Xunta mantén o silencio xa adicado a este asunto cando os rivais políticos o destacaban durante a campaña electoral.
Silencios, présas, temores e incertezas prenderon no tecido social e económico do país nos últimos días logo da chegada ás primeiras planas da posíbel absorción de Caixa Galicia por parte de Caja Madrid. Unha hipótese que non era novidade e que xa abrollara nas corredoiras informativas días atrás en paralelo ao debate sobre as reformas legais que preparaba o goberno español e que posibilitarían xustamente ese tipo de fusións interrexionais.
Mais desta volta, a tensión incrementábase polo feito de revelarse a existencia en firme dun informe interno da entidade financeira madrileña onde se definirían explicitamente os beneficios que para Caja Madrid tería o feito de engulir Caixa Galicia. Desde as bancadas da oposición, as iniciativas acelerábanse e facíanse chamadas a debater, sentar e consensuar a estratexia en favor dos intereses de Galiza.
Paradoxalmente, a actualidade collía o Goberno co pé cambiado en pleno agosto e desde a presidencia da Xunta Alberto Núñez Feijoo mantiña a incerteza co seu case total silencio ao respecto do asunto. Inevitábel pensar que, o feito de que a dirección do PP en Madrid, con Mariano Rajoy á fronte, lle tivese dado a súa bendición a unha potencial tripla fusión de Caja Madrid-Caja del Mediterráneo-Caixa Galicia, impediría a Feijoo expoñer unha posición galega que tranquilizase o tecido socioeconómico do país.
No 1M o tema era secundario para o PPdeG
Durante a pasada campaña electoral deica o 1 de marzo, os momentos estelares dos discursos do PPdeG foron ocupados con outras prioridades no discurso. De xeito específico, os populares cualificaron de secundaria a interese de socialistas e nacionalistas polo tema concreto do futuro das caixas de aforro. Mesmo no programa electoral, o PP galego chegou a atribuírlle ao bipartito que a teima co papel das caixas tiña que ver cun suposto interese de PSOE e BNG por desviar a atención doutros debates. Así e todo, os populares incluían naquel documento a súa intención de, se chegaban ao poder, reformaren a lei de caixas de aforro.
Ao BNG correspondeulle na porta daquela campaña electoral o protagonismo de levar a primeiro plano a proposta de reforma da lei das caixas como un dos temas estrela das intervencións dos nacionalistas. Insistían desde o Bloque que na actual conxuntura sería decisiva tal reforma para garantir a "coordinación entre o Goberno e as caixas, para que non ande cada un polo seu lado". Durante unha entrevista con Vieiros, o daquela vicepresidente en funcións, Anxo Quintana, explicaba que "as caixas están chamadas a cumprir un papel moi importante, onde non vale unicamente coa boa vontade". "O mellor é que, por lei, haxa un compromiso de ambos diante dos cidadáns", subliñaba.
No mesmo sentido, o daquela conselleiro de Economía en funcións, Xosé Ramón Fernández Antonio, explicaba para Vieiros que non dubidaba de que na lexislatura entrante estaría na mesa o proxecto de reforma das caixas coa fin de "reforzar o seu papel dinamizador" na economía do país. Os socialistas levaban tamén no seu programa o compromiso para a aprobación dunha nova lei de caixas de aforro para o financiamento de actividades produtivas estratéxicas, a promoción dunha maior coordinación de caixas e Xunta e a introdución de novos mecanismos de transparencia nos seus órganos reitores.
Con estes antecedentes, e despois de tratar o futuro das entidades financeiras galegas como un tema secundario na propia campaña electoral que o levou ao poder, o presidente da Xunta falaba até hai pouco de que non sería até fin de ano cando exporía a estratexia do seu Goberno ao respecto. Fronte á presión mediática da última semana, o contorno do presidente manexa xa a posibilidade de chegar ao debate do estado da nación no outono cun documento previo sacado á luz. De momento, os desafíos que no contorno parlamentario lle ofreceron o voceiro do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, ou o do BNG, Carlos Aymerich, quedaron sen resposta. De feito, na mesa está aínda a propia proposta dos socialistas para a creación no Parlamento dunha comisión non permanente para o estudo do sistema financeiro galego.
Na opinión
* Marcelino Fernández Mallo: As caixas galegas, momento cero
* Camilo Nogueira: Agresión madrileña a Caixa Galicia