Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR TERCEIRO MES

As rebaixas fan baixar a inflación máis que a media española

O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) baixou en xullo un 1,1% con respecto ao mes anterior, dúas décimas máis que no Estado Español.

Redacción - 11:15 13/08/2009

O mes do inicio das rebaixas de verán tivo un efecto moi evidente na estatística mensual da inflación. Os prezos do vestido e do calzado foron os que tiraron para abaixo dun Índice de Prezos ao Consumo (IPC) que baixou en xullo un 1,1% en Galiza. Así o reflicten os datos presentados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que revelan unha baixada inferior dos prezos no Estado Español, onde o descenso foi de nove décimas (0,9%).

A taxa interanual caeu un 1,8% (1,4% no Estado), é dicir, os prezos son hoxe case dúas décimas máis baratos que hai exactamente un ano. Deste xeito, Galiza sitúase como a sexta comunidade cun descenso máis acusado en relación a hai un ano, xa que só rexistraron unha caida maior os prezos de Navarra, Aragón, Castela e León, Canarias e Castela a Mancha.

O vestido tira para abaixo dos prezos; o tabaco para arriba
As rebaixas foron, sen dúbida, as responsábeis desta importante baixada de prezos. Os prezos do vestido e do calzado baixaron en xullo un 11,6%, moi lonxe do seguinte produto que rexistrou un descenso na súa cotización: os alimentos e bebidas non alcohólicas (-0,2), o enxoval (-0,1) e o transporte (-0,1).

Pola contra, as bebidas alcohólicas e o tabaco foron os que máis elevaron os seus prezos, cun 4%. Séguenlle na listaxe os hoteis e restaurantes (+1,1%) e a vivenda (+0,4%).

Maior baixada en Lugo e Ourense
En termos interanuais, as provincias de Lugo e Ourense son as que rexistraron unha maior baixada de prezos. Caeron entre xullo de 2008 e o mes pasado un 2,3%, mentres que na de Pontevedra fixérono nun 2,1% e na da Coruña un 1,3%.

Se fixamos a vista nos prezos dende comezos de ano até xullo, baixaron un 1,6% en Lugo, un 1,1% en Ourense, un 1% en Pontevedra e un 0,6% na Coruña.

O de xullo é o terceiro mes consecutivo no que os prezos caen en Galiza, e no que o fan por enriba da media do Estado Esapañol.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: