A variación internanual do IPC situouse no -1,3% ao finalizar o mes de maio, é dicir, decreceu catro décimas máis que a media estatal.
O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) medrou o pasado mes un 0,1% con respecto a abril, o que supón unha décima por enriba do Estado, onde os prezos se mantiveron sen cambios. Con todo, se a perspectiva a centramos nun ano atrás, os prezos caeron máis en Galiza. A variación internatual do IPC situouse no -1,3% ao remate de maio, unha cifra que supera en catro décimas a media española (-0,9%). Así o reflicten os datos feitos públicos este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A medicina e o lecer, sen variacións
Se analizamos por sectores, no pasado mes de maio, aqueles onde menos cambios nos prezos houbo son o da medicina (-1,8%) e o ocio e a cultura (-1,2%). Pola contra, o sector do vestido e o calzado foron os que rexistraron unha maior subida nas súas cotizacións (+1,9%). Unha vez máis, se nos centramos na evolución internanual, os grupos que rexistraron unha maior caída do IPC foron o transporte (-9,1%), a vivenda (-2,2%), o vestido e calzado (-1,3%) e a Medicina (-1,0%). Mentres, os prezos subiron en maior medida no ensino (+4,3%), nas bebidas alcohólicas e o tabaco (+3,4%) e nos hoteis, cafés e restaurantes (+2,8%).
Por demarcacións
Todas as provincias rexistraron unha baixada dos prezos en termos interanuais. Con todo, a caída foi máis acusada en Pontevedra e Ourense (-1,7%), seguida de Lugo (-1,6%) e A Coruña (-0,6%). Se falamos en termos mensuais, as que tiveron un comportamento menos inflacionista foron A Coruña e Ourense (nas que os prezos mantivéronse invariábeis), seguidas de Pontevedra (0,2%) e Lugo (0,1%).