Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acto público este mércores

"Recoñecemento persoal e reparación moral" para a figura de Moncho Reboiras

O goberno español entregoulle á familia do finado sindicalista a certificación oficial que o recoñece como vítima do franquismo.

Redacción - 13:15 12/08/2009

En cumprimento da lei de memoria histórica, a familia de Moncho Reboiras, asasinado en 1975 en Ferrol, recibiu este mércores o chamado Certificado de Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal. En acto oficial, o delegado do goberno español en Galicia, Antón Louro, fíxolle entrega á familia deste documento onde se sinala que Reboiras "padeceu ilexitimamente persecución e violencia" debido á súa actividade política e sindical.

Ao tempo, en lembranza da súa figura, a Unión do Povo Galego (UPG), celebra como todos os anos polo 12 de agosto un acto político en lembranza de quen fora seu militante. Un evento que, xa que logo, nesta ocasión terá un significado especial, debido a este recoñecemento oficial que se lle fai como vítima da ditadura e que estará presente, segundo avanzan desde a formación política, nas intervencións programadas. A xornada incluirá a valoración da situación política en relación a temas de actualidade; situación económica (desemprego, sistema de financiamento, proceso de concentración de caixas de aforro e concurso eólico) "así como as medidas antigalegas en materia lingüística propiciadas polo Goberno do PP".

O programa:

-Ás 19 horas concentración na Praza de Armas (diante da casa do Concello). Saída cara ao portal da rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras e ofrenda floral. Canto da Internacional e baixada até o Cantón.  

-Ás 19h30 intervencións políticas no Cantón a cargo de:

* Nemésio Barxa. Avogado e defensor dos presos da UPG en 1975 detidos logo da represión que se desencadeou tras o asasinato de Reboiras.
* Xesús Seixo Fernández. Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG).
* Francisco Rodríguez Sánchez. Secretario Xeral da UPG e membro da Executiva Nacional do BNG.

Tamén, como xa é tradicional, ás 20 horas, un grupo de militantes da UPG encabezados polo membro do Secretariado Político da UPG -e parlamentario do BNG- Bieito Lobeira, vai facer unha ofrenda floral no cemiterio de San Xoán de Laíño, parroquia do Concello de Dodro, onde descansan os restos mortais do mártir galego.


Ligazóns

4,38/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: