A polémica pola cesión de sete bases colombianas para o uso do exército estadounidense tamén esperta reaccións no goberno español.
Chávez e Uribe, nun encontro anterior entre os presidentes
O presidente venezolano, Hugo Chávez, ordenou o retorno a Colombia do seu embaixador, Gustavo Márquez. Quixo así reducir a tensión entre os dous países, que se iniciara coas declaracións de Álvaro Uribe, quen acusou a Venezuela de desviar armas á narcoguerrilla das FARC e que aumentou nos pasados días pola cesión de sete bases colombianas para o uso do exército estadounidense.
A decisión produciuse na madrugada deste sábado, cando o presidente venezolano aclarou que o seu país "non está interesado en ningunha ruptura de relacións con Colombia". Chávez descartou que se fose a producir guerra algunha entre os "dous pobos irmáns", como chegara a suxerir nos pasados días, e adiantou a posibilidade de crear "bases de paz" para traballar pola estabilidade no país colombiano.
Visita institucional do Estado Español
Pola súa parte, o goberno español expresou, da man da vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega, o "respecto de España á decisión de autorizar a presenza de militares de Estados Unidos en sete bases colombianas". Nesa liña, asegurou que "é unha decisión tomada no exercicio da súa soberanía", porque entende que o acordo "é útil para loitar contra o terrorismo e o narcotráfico". Deste xeito, a vicepresidenta corrixiu ao Ministro de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, quen hai uns días amosaba en Brasil a súa preocupación pola escalada de tensión na zona.