Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estudo de Caixa Galicia

Agoiro de recesión inminente

O Centro de Investigación Económica dependente de Caixa Galicia advirte da "alta probabilidade" de que a economía do país entre en recesión no segundo semestre.

Redacción / Europa Press - 19:00 07/08/2009

O PIB galego rexistrou en 2008 un maior crecemento que no conxunto de Estado. Ao tempo, Galiza ampliou a diferenza da súa taxa respecto da economía estatal. Isto implica que o peso da economía galega aumentou ao 5,15% do PIB estatal e o 5,62% da renda bruta dispoñíbel per cápita nos fogares. Con eses precedentes, o Centro de Investigación Económica e Financeira de Caixa Galicia destaca a "maior resistencia" do noso país fronte á crise, mais agoira que esa fortaleza non será abondo para que as cifras do segundo semestre confirmen, hai unha "alta probabilidade" de que iso sexa así, que a economía galega entra en recesión.

O informe atribúelle a resistencia extra da economía galega á mellor evolución do sector da construción, onde malia as negativas cifras no que lle toca a edificación residencial, a actividade caeu a metade que no resto do Estado. Tamén citan a menor dependencia do sector turístico e a mellor evolución do mercado laboral. Indican por exemplo que en 2008 a taxa de ocupados incrementouse nun 0,6% nun momento en que a nivel estatal descendía na mesma porcentaxe, e que o forte incremento do paro non acadou nin a metade do rexistrado no conxunto estatal.

O Produto Interior Bruto (PIB) galego experimentou unha ralentización no seu crecemento durante os catro trimestres do ano pasado --2,2 puntos respecto a 2007--, aínda que que entrou en números negativos entre xaneiro e marzo de 2009, cunha caída especialmente significativa no caso do sector industrial (-15,1%).

Principais sectores de actividade
O informe apunta que o crecemento do PIB se baseou na evolución dos servizos de mercado --comercio e hostalaría-- , que representaron o 44,7% do total e tamén sinala que en Galiza a actividade da construción se mantivo estancada --diminuíu un 0,3%-- malia que o peso deste sector é maior en Galiza que no resto do Estado. As ramas enerxéticas e as dos servizos gañaron peso no PIB e as demais perdérono, aínda que todas rexistraron variacións mínimas. As ramas industriais rexistraron descensos, ao igual que as agrícola-pesqueiras. Así mesmo, diminuíron as exportacións de bens e servizos.

Por outra banda, o gasto en consumo final dos fogares experimentou unha desaceleración menos acentuada en Galiza --do 2,9% ao 1,5%, mentres que a nivel estatal do 3,4% ao 0,1%. Á súa vez, incrementouse a licitación de obra pública, unha circunstancia que o informe atribúe ao intento das administracións públicas de paliar a caída da demanda privada coas súas contratacións. Galiza ocupou o ano pasado a sexta posición no ránking autonómico en recepción de licitación pública por habitante e na oitava se se mide a licitación por quilómetro do territorio. Unha das consecuencias da perda de dinamismo na actividade industrial reflectiuse, segundo o informe de Caixa Galicia, na redución en 6,3% das exportacións de bens, derivada, sobre todo, do descenso de vendas do sector da automoción e da escasa atracción de capital internacional --Galiza captou 22,5 millóns de euros de investimento estranxeiro, unha das cifras máis baixas dos últimos anos-- .

Importantes caídas no sector turístico
O sector turístico galego rexistrou importantes caídas do emprego (-3,6%) e no número de visitantes (-4,2%), especialmente nos negocios de turismo rural. Sinalan os investigadores que Galiza reflicte á luz das cifras un escaso grao de atracción para visitantes. Por outra banda, en 2008 produciuse un forte descenso nas matriculacións de vehículos que non comezou a recuperarse até o terceiro trimestre deste ano. O ano pasado rexistráronse as cifras máis baixas de vendas de coches e camións da última década; redúcese un 7,3% a cifra de pasaxeiros nos aeroportos galegos e descenden nun 4,2% as cargas e descargas nos portos, salvo no de Ferrol-San Cibrao, que experimentou un aumento significativo do seu tráfico.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: