Asumen sen obxeccións e con resignación que o ensino superior no noso país seguirá, como até agora, sen fondos.
Xuntanza de Feijoo e do conselleiro de Educación cos representantes das tres universidades
Os reitores das tres universidades do país reuníronse este mércores co presidente da Xunta, que lles agradeceu a súa "receptividade" e "espírito de colaboración". Na xuntanza, a primeira desde que Alberto Núñez Feijoo accedeu ao cargo, tamén participou o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez.
Este último asegurou que a Xunta recoñece "o esforzo" da institución universitaria nesta "época de crise", e asegurou que "se fará todo o esforzo posíbel" no novo modelo aínda que, por agora, "non hai prazos" para a súa elaboración.
O máximo representante da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro, admitiu que o novo sistema de financiamento universitario se verá afectado pola "austeridade" e terá que ser "solidario" co contexto económico, polo que avogou por deixalo para o curso 2010-2011.
O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé María Barja, coincidiu con Barro. "A situación é complicada e temos uns coeficientes aos que hai que axustarse, pero as universidades sempre fomos capaces de facer moitos sacrificios", afirmou, e engadiu que "se vemos que hai un apoio, somos capaces de afrontar o reto".
Ademais, Barja advertiu de que, conforme avance a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES, máis coñecido como Plan Boloña), "serán necesarios máis recursos", para o que haberá que saber "por onde se terá que apertar o cinto" a universidade.
"Os tempos cambian"
Feijoo comprometeuse a se volver reunir cos tres reitores en outono para desenvolver o plan de traballo marcado na reunión desta tarde, do que non se deron a coñecer nin prazos nin cifras. Neste senso, o conselleiro de Educación dixo que "é moi pronto para falar de fondos", e advertiu de que "será necesario mudar as formulacións" do sistema xa que "os tempos tamén cambian".