Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras prestar declaración no xulgado

Quedan libres os detidos en Cangas, que estudan denunciar a Garda Civil por "brutalidade"

Impútanselles delitos como atentado contra a autoridade, desobediencia grave ou desordes públicas.

Europa Press - 09:30 22/07/2009

A totalidade dos 16 detidos nas obras do porto deportivo de Massó, en Cangas (Pontevedra), quedou este mércores en liberdade tras prestar declaración en dependencias xudiciais. Agora, estudan presentar unha denuncia conxunta contra este corpo de seguridade pola "brutalidade" coa que aseguraron foron tratados algúns dos arrestados.

Estas 16 persoas, a maioría membros do Foro Social de Cangas, ademais de integrantes da Confraría de mariñeiros desta localidade, e mesmo unha edil --Maruchi Álvarez, da Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE)--, foron arrestados durante a mañá do luns na zona onde se está a construír o porto deportivo, por bloquear o acceso de maquinaria pesada e camións á obra.

Segundo confirmou a Europa Press un dos detidos, Tiago Pérez, ás persoas arrestadas impútanselles delitos como atentado contra a autoridade, desobediencia grave ou desordes públicas. Dez dos detidos foron postos en liberdade poucas horas despois, mentres que outros seis, entre eles o propio Tiago Pérez e a concelleira de ACE, pasaron a noite en dependencias da Garda Civil en Cangas e en Pontevedra, antes de pasar a disposición xudicial este martes.

Denuncia conxunta

Pérez confirmou que os detidos estudan a presentación dunha demanda conxunta por "maltrato" dalgúns axentes do Instituto Armado que, segundo explicou, someteron os detidos "a un trato denigrante, torturas e vexacións". Así, recordou que tres dos arrestados resultaron feridos, e que un deles tivo que ser atendido no hospital Povisa.

Este membro do Foro Social de Cangas lamentou que "a orde pública estea en mans de persoas como estas", e denunciou que dúas persoas tiveron que pasar a noite no calabozo da Garda Civil en Cangas, "sen condicións de habitabilidade". "Tratáronnos a empuxóns e golpes, foi unha actuación brutal e desmedida", aseverou.

Por outra banda, decenas de activistas do Foro e doutros colectivos contrarios ás obras do porto deportivo de Massó concentráronse o martes fronte ao Concello para pedir a dimisión da alcaldesa, Clara Millán (BNG), por considerala "cómplice" das detencións ao non paralizar as obras. Posteriormente, desprazáronse aos xulgados, onde permaneceron ata as 16 horas, aproximadamente, momento en que saíu libre o último dos detidos.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: