Galiza non se Vende reclama a dimisión de Delfín Fernández pola "brutal intervención" en Cangas durante a protesta pacífica dos veciños.
Vai para catro anos que a Confraría de Pescadores de Cangas interpuxo un contencioso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra as obras no lugar do Salgueirón, advertindo de que vulneran a concesión outorgada aos mariñeiros para faenar nestas augas. Logo da denegación da paralización cautelar das obras, a confraría recorreu no Tribunal Supremo. Na actualidade, os dous contenciosos "dormen nalgún andel de tan altos tribunais". "Pola contra, os xulgados son rápidos á hora de practicar dilixencias contra os membros dos movementos sociais opositores ao proxecto", láianse desde a plataforma cidadá Galiza Non se Vende, poñendo como exemplo o proceso aberto polos mariñeiros e recordando a presa de irregularidades paralelas denunciadas.
Criminalización da protesta pacífica
"Moitas veces priviléxiase o capital financeiro sobre a vida do pobo". Eran verbas de Pérez Esquivel, activista e Nobel da Paz, durante a súa visita hai apenas uns días ao Concello de Cangas. Esquivel quixo aló prestarlles apoio aos veciños do Foro Social coa súa presenza e as súas palabras, na mobilización que manteñen contra as obras a pé do mar no contorno do Salgueirón. "Aquí non hai fronteiras para apoiar as causas xustas", dixo o Nobel aquel día.
O episodio lémbrano agora desde a plataforma Galiza Non se Vende para denunciar o acontecido este luns no mesmo lugar, onde a delegación do goberno español "optou por reprimir un dereito básico como é o dos ecoloxistas a opoñérense a unhas obras que implican un grave atentado medioambiental e lesionan intereses económicos de milleiros de persoas que viven do marisqueo".
Deste xeito, Galiza Non se Vende expresa a súa indignación nun comunicado enviado aos medios no que denuncia o suceso "autoritario" que "criminaliza toda protesta lexítima en defensa dos valores da ría". Ao tempo, acusan a subdelegación do goberno español de enviar a Garda Civil para "protexer intereses privados, protexendo unha obra ilegal con enorme impacto sociambiental". Por este motivo, a rede cidadá de activismo medioambiental solicita que as forzas de seguridade deixen de ser usadas "como forza represora e policía privada ao servizo de intereses particulares" e esixe a "inmediata destitución do actual subdelegado do goberno español en Pontevedra, Delfín Fernández".
Arredor das 20h45 da tarde do luns foron liberados 10 dos 16 detidos. Os outros 6 foron trasladados a Pontevedra, onde pasaron a noite arrestados até que este martes sexan trasladados ao xulgado.