O goberno español nega que apalabrase co presidente da Xunta ningún incremento dos fondos destinados a Galiza, cifrados en 620 millóns.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, comparecerá no Parlamento para explicar a postura do goberno galego ante o modelo de financiamento presentado polo Ministerio de Economía, así como para dar conta das negociacións levadas a cabo nos últimos días. Así o acordaron, por unanimidade, os tres partidos políticos con representación parlamentaria.
Isto acontece xusto despois de que o goberno español desmentise que tivese incrementado en 64 millóns de euros as partidas destinadas a Galiza para compensala pola súa dispersión poboacional, tal e como tiña asegurado o presidente galego. Segundo o Ministerio de Economía, os fondos asignados a Galiza son de 620 millóns, tal e como llo transmitiran ao xefe do executivo galego cando o pasado domingo lle enviaron o borrador do sistema de financiamento.
Polo tanto, a guerra de cifras continúa, xa que a Xunta segue a insistir en que "ten a palabra" da vicepresidenta segunda e ministra de Economía, Elena Salgado, de que Galiza pasará dos 590 millóns comprometidos inicialmente até un total de 654 millóns. Malia que a Consellaría de Facenda asegura que "non pon en dúbida a palabra do goberno español" xa adiantou que, cando chegue o momento, porá enriba da mesa a documentación da que dispón remitida polo Ministerio para exixir o pago desas cantidades.
Reaccións da oposición
O PSdeG foi quen propuxo a celebración dun pleno extraordinario no que comparecese Feijoo. A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Mar Barcón, reclamou que o presidente da Xunta explique "por que mentiu até tres veces aos galegos " no proceso de negociación. Asegurou que non fixo outra cousa que "intentar facer de capitán de Génova" e lamentou que "mentise coas cifras, que primeiro quixeron presentar como unha conquista súa, logo dixeron que era un acordo verbal e agora descubrimos que era unha mentira máis".
Pola súa parte, o portavoz do BNG, Carlos Aymerich, lamentou que "á hora da veradde Feijoo escolleu ceder as presións do Goberno Español e obedecer a orde de Mariano Rajoy en vez de poñer por diante a defensa dos intereses de Galiza". Adveriu que o sistema aprobado "incumpre os mínimos pactados no Parlamento e é lesivo para os intereses de Galiza" e "non ten suficientemente en conta os elementos diferenciais que incrementan o custo na prestación de servizos no noso país".
Dende o Partido Popular, Pedro Puy, tamén aprobou a celebración desta sesión plenaria adicional, pero por motivos diferentes. O viceportavoz do grupo popular encadrou a aprobación desta iniciativa na "disposición plena que sempre tivo a Xunta do PP ao diálogo, á transparencia e ao consenso na busca dunha postura común na defensa do interese xeral para Galiza". Ademais, insistiu en que, grazas ao seu partido, "se incorporaron ao modelo máis de 200 millóns adicionais, o que fai supoñer que podamos contar con 656 millóns de euros fronte aos 447 que lle ercoñeceu a anterior Xunta bipartita ao actual presidente da Xunta cando tomou posesión".