A conselleira de Facenda rexeita ter recibido ordes da dirección estatal do PP e atribúe a abstención á oferta extra no fondo de dispersión.
Galiza recibiría en 2012 un total de 654 millóns do fondo de 11 mil millóns adicionais que achegará o Estado e mantería un peso relativo na repartición do 5,9% fronte ao 7,1% actual. A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás recoñeceu que a Xunta estivo "até o último momento pensando en votar en contra", aínda que finalmente optou por absterse.
Durante a tarde do mércores, o conselleiro de Economía e Facenda da Comunidade de Madrid, Antonio Beteta, revelara á súa chegada á sede do Ministerio onde se celebrou o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), que non votaría en contra, como anticipara a súa presidenta, Esperanza Aguirre, porque recibira un mandato da dirección do PP para que se abstivese. Posteriormente, fontes populares confirmaron a Europa Press que o presidente do PP, Mariano Rajoy, ordenara ás comunidades gobernadas polo seu partido que se abstivesen para evitar disparidade de votos.
Ao respecto, a conselleira galega asegurou que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijoo non recibiu ningunha orde do PP estatal para que se abstivese no CPFF. "A Xunta non se sentía concernida e non tiña ningún mandato por parte do PP para ter ningunha postura no Consello", aseguroulle aos xornalistas ao ser preguntada por se tamén lles chegaran aos galegos as directrices de Génova. Deste xeito, Marta Fernández Currás atribuíu a súa "abstención" ao "xesto" do goberno español de ofrecer 64 millóns de euros para compensar o criterio de dispersión a maiores dos 590 millóns da proposta inicial. Ao tempo, laiouse Currás de que o novo modelo non recolla "nin un só euro" en concepto de fondo de emigración, tal e como insistía a Xunta. Con todo, dixo ser optimista e insistiu en que "hai tempo por diante" para seguir "negociando e traballando" cara a un modelo de financiamento que responda "mellor" aos intereses de Galiza e sexa, subliñou, "máis equitativo e solidario".