Os traballadores deciden este luns á tarde se aceptan a proposta trasladada de mañá pola dirección do grupo téxtil ás centrais.
Mobilización da semana pasada
A dirección de Caramelo e representantes do comité de empresa finalizaron este luns sen acordo a xuntanza programada para negociar, coa mediación da Xunta, o ERE formulado polo grupo téxtil no seu plan de viabilidade que afecta 237 traballadores.
A patronal sumou 100 mil euros -a repartir polo comité de empresa- á proposta realizada a semana pasada en materia de indemnizacións, que non mudou: 37 días por ano traballado cun tope de 30 meses, fronte aos 45 días por ano traballado cun tope de 42 meses que reclaman os sindicatos.
Dende a dirección da empresa aseguran que se trata dunha proposta "in extremis", a instancias do responsábel da Inspección de Traballo, e din ter "vontade" de chegar a un acordo. Ademais, afirman que acudirán á reunión deste martes, se os traballadores desconvocan a folga da xornada.
"Pídennos que repartamos miseria"
Porén, tanto a representante da CIG-Téxtil, Dores Martínez, como a de CC.OO, Dolores López, consideraron "insuficiente" a nova proposta da empresa e criticaron que se delegue no comité de empresa os criterios para a repartición deses cartos.
"Pídennos que repartamos miseria", asegurou Dores Martínez, quen sostivo que este diñeiro "se traduciría só nun día e pico máis de indemnización e nun mes se falamos do tope de mensualidades". Respecto á posibilidade de desconvocar a folga deste martes, será a asemblea de traballadores a que decida.