As "catro fantásticas" reflicten o modelo de azafatas televisivas italianas e representan os catro campus da sobranceira institución académica.
Non se sabe se é pola influencia de Berlusconi ou, simplemente, porque Italia é así, pero resulta bastante chocante ver como se está a promocionar a Universidade de Boloña, unha das máis prestixiosas do mundo. Segundo informa Público, a institución académica onde imparten clases Umberto Eco ou Romano Prodi anúnciase mediante unha revisión dunha banda deseñada da Marvel pasada pola peneira velina, as omnipresentes azafatas da televisión italiana.
O centro de ensino superior personifica en catro rapazas, dúas louras e dúas morenas, os catro campus da universidade: Cesena, Forlì, Ravenna e Rimini. As mozas, enfundadas en monos de licra de cor branca e con braguiñas negras, preséntanse como 'Le fantastiche 4' (as catro fantásticas). As superheroínas preséntanse como "o máximo para os teus estudos universitarios", obviando outros aspectos como a súa tradición ou a calidade educativa, ou que teña a súa sede na cidade que lle deu nome ao Plan Boloña.