Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
crise política e social en China

Hu Jintao abandona a cimeira do G8 mentres medra a tensión en Xinjiang

O presidente chinés viuse obrigado a regresar ao seu país dende Italia, para atender á crise que se está a vivir nesta provincia autónoma polos enfrontamentos entre os uigures, a policía e os cidadáns da etnia Han.

Redacción - 08:00 08/07/2009

O presidente chinés, Hu Jintao, abandonou este mércores repentinamente Italia, até onde viaxara para participar na cimeira do G8, e puxo rumbo a China debido ás fortes protestas que continúan desenvolvéndose na rexión autónoma de Xinjiang, segundo confirmou un diplomático da Embaixada chinesa en Roma.

Hu Jintao chegou á capital italiana o pasado domingo, con motivo dunha visita de Estado, convidado polo seu homólogo Giorgio Napolitano, e durante a súa estancia no país europeo reuniuse tamén co primeiro ministro Silvio Berlusconi, así como con líderes parlamentarios, co obxectivo de "impulsar as relacións bilaterais", segundo informou a axencia de noticias Xinhua.

Porén, a continuidade das protestas en Urumqui -capital de Xinjinag-, onde morreron 156 persoas nos enfrontamentos entre cidadáns da etnia han e da etnia uigur, obrigou a Hu Jintao a cancelar a súa participación na xuntanza das principais economías do mundo, para regresar a China. Así mesmo cancelou tamén a súa viaxe a Portugal, previsto para cando terminase a cimeira. No entanto, unha delegación chinesa permanecerá en Italia para participar no encontro que se está a desenvolver en L' Aquila, e onde está previsto que o G8 lance un fondo de entre 10 mil e 15 mil millóns de dólares para combater o fame no mundo, segundo declarou onte o primeiro ministro de Italia, Silvio Berlusconi, nunha conferencia de prensa.

Mentres, medra a tensión en Xinjiang
Con motivo dos disturbios do domingo en Xinjiang, (noroeste de China), as autoridades da rexión impuxeron o toque de queda na capital, Urumqi, entre as 21h00, hora local, do martes e as 8h00 deste mércores. Neste tempo, desenvolverán "controles de tráfico", co fin de evitar novos enfrontamentos entre os cidadáns, segundo as noticias oficiais chinesas.

Ao parecer, este martes continuaron os enfrontamentos entre etnias, e varios cidadáns Han -maioría nesta provincia-, saíron á rúa armados con barras de ferro (vídeo) coa intención de vingar os feitos do domingo, dado que algúns medios apuntaron que a maioría dos mortos pertencían a este grupo étnico. A policía, desbordada, lanzou gases lacrimóxenos para dispersar os manifestantes, segundo a axencia Reuters. De momento, no hai constancia de que haxa novos feridos ou algún falecido. Antes de que os han saísen á rúa, centos de uigures tíñanse reunido por protestar contra a represión policial vivida o domingo, un do enfrontamentos máis violentos dende a matanza de Tiananmen. De feito, alén dos 156 mortos, houbo máis dun milleiro de feridos e perto de milleiro e medio de persoas foron detidas.

Mentres, o goberno chinés insiste en que detrás de toda a revolta atópanse os independentistas do Congreso Mundial Uigur.

Máis información:


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Perto de 200 uigures protestaron este martes pola detención de máis de 1.400 persoas despois da violencia vivida o domingo / Imaxe: BBC
Perto de 200 uigures protestaron este martes pola detención de máis de 1.400 persoas despois da violencia vivida o domingo / Imaxe: BBC
Os uigures denunciaron que a policía fora casa por casa, arrestando aos mozos e mozas / Imaxe: BBC
Os uigures denunciaron que a policía fora casa por casa, arrestando aos mozos e mozas / Imaxe: BBC
Despois das protestas uigures, centos de persoas da etnia Han saíron ás rúas armadas con paus e barras de ferro / Imaxe: BBC
Despois das protestas uigures, centos de persoas da etnia Han saíron ás rúas armadas con paus e barras de ferro / Imaxe: BBC
O presidente chinés, Hu Jinto, tivo que abandonar este mércores a cimeira do G8, que se desenvolve en Roma
O presidente chinés, Hu Jinto, tivo que abandonar este mércores a cimeira do G8, que se desenvolve en Roma