Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Frustrada aterraxe do presidente deposto

O exército hondureño mata unha persoa que agardaba o retorno de Zelaya

Unha persoa faleceu por causa dos disparos do exército hondureño, que tentaba impedir a entrada do presidente, quen abandonara o país após o golpe de Estado.

Redacción - 08:00 06/07/2009
Atendendo os feridos / Imaxe: Tiempo

Atendendo os feridos / Imaxe: Tiempo

O exército de Honduras conseguiu esta segunda feira (madrugada, hora galega) impedir a entrada no país do presidente Manuel Zelaya, pero a súa actuación tamén causou a primeira vítima mortal dende o golpe de estado do pasado 28 de xuño; unha persoa que se atopaba no aeroporto agardando pola aterraxe do avión no que viña o presidente deposto, segundo publica o xornal hondureño Tiempo, que foi abatido a tiros polos soldados.

Após lanzar bombas de gas lacrimóxeno, o exército abriu fogo contra os milleiros de manifestantes que agardaban a chegada de Zelaya, dende primeira hora da mañá, na contorna do Aeroporto Internacional de Tocontín, en Tegucigalpa. Segundo a versión oficial, os soldados recorreron ás armas "como resposta aos intentos da multitude por tomar a pista de aterraxe do aeródromo". Porén, un xornalista da cadea Telesur informaba, en conversa telefónica, que presenciara a morte dun mozo que se atopaba agardando para recibir o presidente deposto, e que fora abatido polos disparos dos soldados. As imaxes emitidas pola cadea amosaban unha multitude cualificando de "asasinos" os soldados, varias persoas feridas e múltiples ambulancias acudindo ao lugar para atender e trasladar os afectados polo ataque do exército. Pouco despois das 16h00 (media noite en Galiza), fontes médicas confirmaban que as balas disparadas polos militares causaran a morte de, polo menos, unha persoa, Isis Obed Murillo Mencia, de 19 anos, e decenas de feridos. Porén, momentos despois, Tiempo sinalaba que os mortos eran dous, para volver rectificar, e denunciar un falecemento.

Censura gobernamental
Nunha mostra da censura decretada polo Goberno de facto encabezado por Roberto Micheletti, que adiantou en tres horas o toque de queda decretado para esa noite, as televisións, radios e xornais tardaron horas en informar sobre o que cualificaron como un "intento de violación do espazo aéreo" de Honduras. Ás 16h30, Manuel Zelaya, cuxo avión se atopaba a pouca distancia de Tegucigalpa, manifestaba nunha entrevista en directo a Telesur, que quería chegar ao país para "evitar a represión" contra os hondureños e "ofrecerlle unha reconciliación" ao exército. Viaxaba dende Washington acompañado do presidente da Asemblea Xeral da ONU, Miguel D'Escoto. Sobre as 17h30, o aparello no que viaxaban era captado polas cámaras desta cadea de televisión sudamericana, sobrevoando en círculos o aeroporto, o que provocou o entusiasmo entre os seus seguidores e a rápida mobilización do Exército. Dous camións militares colocábanse no centro da pista do aeroporto, e polo menos outros tres vehículos máis situábanse nos extremos para evitar a aterraxe do avión no que viña o presidente deposto. O propio Zelaya, nunha nova comunicación telefónica con Telesur, confirmaba que as autoridades aéreas lle denegaran a aterraxe e o ameazaran con ser interceptado por avións das Forzas Aéreas. "Se tivese un paracaídas, lanzábame agora mesmo", dixo Zelaya. Porén, ante a imposibilidade de pisar chan hondureño, comunicou nese mesmo momento a súa intención de viaxar a San Salvador para avaliar a situación xunto co secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), José Miguel Insulza, e os presidentes de Ecuador, Rafael Correa; de Arxentina, Cristina Fernández; e de Paraguai, Fernando Lugo.

Tras unha parada técnica en Nicaragua, partiu ao encontro dos líderes iberoamericanos, que agardaban no Aeroporto Internacional de Comalapa, en San Salvador. Nunha das salas do complexo aeroportuario, os cinco mantiveron unha reunión de urxencia para trazar a folla de ruta a seguir despois de que o exército hondureño impedise a entrada de Zelaya en Honduras.

"Os criminais non poden dirixir un país"
Após unha xuntanza de pouco máis dunha hora, Zelaya comparecía ante os medios xunto ao presidente salvadoreño, Mauricio Funes, acusando de criminais os dirixentes do Goberno 'de facto', aos que responsabilizou da morte de Murillo. "Unha marcha pacífica foi reprimida a balazos, quitáronlle a vida a un compatriota", indicou Zelaya durante a conferencia de prensa. "É un acto criminal que non pode quedar impune. Os criminais non poden dirixir un país", acrecentou. Ademais, fixo un novo chamamento aos soldados para que, "en nome de Deus, baixen as armas contra o pobo e non repriman máis os hondureños".

Insulza, pola súa banda, comprometeuse a "seguir adiante con todas as opcións diplomáticas" para facer cumprir a Carta Democrática Interamericana e devolver a Zelaya ao seu país. O secretario xeral da OEA lembrou que segundo as leis de Honduras, ningún cidadán hondureño pode ser expatriado. "A nosa tarefa é a de utilizar todos os medios diplomáticos posíbeis para devolver a Zelaya a Honduras", recalcou.

Para saber máis do que está a acontecer:


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: