Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conquista social que "non debe desaparecer"

Nais e pais artellan unha plataforma a prol da gratuidade dos libros de texto

Arredor de 2.700 persoas asinaron xa en favor da reclamación. Nacida no Barbanza, a mobilización esténdese agora a todo o país.

Redacción - 14:30 03/07/2009

A Pobra, Rianxo, Ribeira ou Boiro foron as vilas barbanceiras onde iniciou a súa actividade a bautizada Plataforma pola Gratuidade dos Libros de Texto. Nais e pais da zona comezaron a protesta pouco despois de coñecerse a intención da Consellaría de Educación de acabar co sistema que garantía o fornecemento de libros escolares de balde.

Facéndose eco do propio debate parlamentario aberto ao respecto desta viraxe, poñen cuestión o argumento de aforro exposto pola Xunta e reivindican a continuidade do dereito a libros de texto gratuítos. Organizados arredor das diversas Asociacións de Nais e Pais da comarca, este mesmo xoves presentaron oficialmente a iniciativa na Pobra. "Esixímoslle á consellaría que manteña o sistema de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio que se implantou en Galiza no curso 2003/04, negándonos rotundamente a mercar os libros de texto para o novo curso escolar se non temos garantías de que a gratuidade é universal", advirten.

Os promotores da iniciativa resumen en sete puntos a reclamación:

  • A gratuidade do ensino é un dereito consagrado na lexislación vixente.


  • A gratuidade dos libros de texto é unha conquista social de todos os galegos.


  • A intención do goberno galego de reducir gastos educativos, argumentada na crise económica, non debe afectar á gratuidade dos libros de texto, condición necesaria para acceder á igualdade de oportunidades na educación.


  • Dende hai 3 anos, todo o alumnado do ensino obrigatorio, en condicións de igualdade, recibe en préstamo os libros de texto que vai necesitar ao longo do curso escolar. Unha vez rematado o curso, os nenos devolven os libros, que serán usados ao ano seguinte por outros alumnos. Pasados 4 anos, os libros son renovados.


  • Todo isto significa que durante catro anos a administración non realiza novos investimentos, polo que, ao noso modo de ver o cambio do sistema de préstamo ao de libros en propiedade ten como único obxectivo o beneficio das editoriais, non entendendo o pretendido aforro económico.


  • O sistema de préstamo supón a implicación dos alumnos no coidado dos libros, fomenta a solidariedade e o respecto aos bens públicos, e da paso adiante na defensa do noso patrimonio ecolóxico.


  • Por outra banda, non entendemos as formas da Consellería de Educación, que pretende impoñer unha política de fatos consumados durante a época estival, prexudicando directamente ás familias.


Ligazóns

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: