Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE'

"Gañar unhas eleccións non autoriza destruír un idioma"

Un manifesto que busca converterse en Iniciativa Lexislativa Popular pídelle ao PPdeG que volva ao “consenso lingüístico”.

Redacción - 19:35 02/07/2009

Un texto nacido para ser subscrito pola sociedade civil que defende a normalización do idioma do país, á marxe da súa adscrición política. Este é o espírito co que nace o manifesto 'Galego. Patrimonio da Humanidade' e que, aínda que se vai presentar publicamente en Vigo o vindeiro 10 de xullo, xa bole pola rede.

Antón Baamonde e Manuel Bragado son dous dos promotores da iniciativa. Bragado explícalle a Vieiros que o texto está feito para que a sociedade civil sexa a única protagonista: “Somos cidadáns que queremos expresar a nosa opinión sobre o que está a suceder”. A pesar de que o manifesto aínda está circulando só en forma de correo, asegura estar sorprendido do número de persoas que están a mostrar a súa adhesión.

O proxecto que botará a andar a vindeira semana podería rematar nunha Inciativa Lexislativa Popular que acabe no Parlamento. No texto reclámaselle ao PPdeG que aplique “políticas positivas” para protexer a lingua autóctona. Os promotores agardan que en cuestión de días o manifesto 'Galego. Patrimonio da Humanidade” teña espazo de seu na rede. Dende aí poderán adherirse ao mesmo todos aqueles que o desexen.

Ofrecémoslle o texto íntegro do manifesto:

GALEGO. PATRIMONIO  DA  HUMANIDADE

 Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua -independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente- debe  reclamar  unha volta do PP a un terreo común. Tamén mostrar  o seu acordo coas políticas de  afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma  de  Galicia  é  un  patrimonio  da  humanidade  que  debemos  custodiar  e  garantir  como  medio  de  comunicación  e  de  creación.


4,73/5 (73 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: