A asociación conta con poder solicitar o dominio .gal no primeiro trimestre de 2010.
A Asociación PuntoGal conseguiu este xoves o compromiso do Goberno en apoiar a iniciativa de acadar un dominio para a lingua e a cultura do país. A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiron o presidente da asociación, Manuel González, o vicepresidente, Camilo Regueiro e o secretario, Darío Janeiro.
Os representantes de PuntoGal informaron os secretarios das xestións levadas a cabo para conseguir poñer en marcha o dominio. Tamén informaron de que a ICANN prevé publicar a finais deste ano a guía final de requisitos que deben cumprir as candidaturas a novos dominios e que esperan que se poidan presentar as solicitudes no primeiro trimestre de 2010.
A asociación PuntoGal constituíuse en 2006 grazas á colaboración de varias entidades promotoras, como a Real Academia Galega, para crear un espazo específico na internet para as webs con contidos en galego ou relacionadas coa nosa cultura e sociedade.