O logotipo da asociación a prol do dominio galego protagoniza unha información sobre a xuntanza da Icann en París.
O proxecto promovido pola Asociación PuntoGal a prol dun dominio para a lingua e a cultura galega chega este luns á portada da sección de Tecnoloxía do International Herald Tribune. O logotipo da campaña de PuntoGal encabeza a información redactada por Doreen Carvajal.
Porén, no interior non se fai mención explicitamente ao .gal. O Herald Tribune dedica a información á xuntanza que desenvolve a Icann en París e faise eco dalgúns dominios que aspiran ao seu recoñecemento, como o .berlin, o .nyc, o .paris, o .quebec ou, mesmo, o .cat (que parecen ignorar que xa foi aprobado).
Pero o máis importante é que representantes da Icann aseguraron que este podería ser o comezo dunha revolución na internet, se ao final se abre a posibilidade de crear até miles de novos nomes de dominio de primeiro nivel.
No caso de que, como é previsíbel, o xurado de 21 membros aprobe un cambio na súa política, a comezos do ano 2009 poderíanse comezar a conceder novos nomes de dominio, entre eles o .gal.
Até o momento, continúa o artigo, moitos colectivos tivéronse que conformar con dominios asignados a estados que coincidían co seu nome, como o .la de Laos para Los Angeles, o .by de Bielorrusia para Baviera ou o .tv de Tuvalu e .fm da Federación Micronesia para televisións e radios. Galiza non optou polo .ga de Gabón nin polo .gl de Groenlandia, senón que aspira a un dominio de seu.