As ONG convidan o presidente galego a coñecer, na súa primeira viaxe a Nicaragua, a realidade do país americano e "incrementar o esforzo solidario de Galiza".
Feijoo co embaixador de Nicaragua, Augusto Zamora
As ONGD vólvenlle lembrar á Xunta un compromiso de vello do Goberno con elas: o incremento do orzamento destinado á cooperación internacional, cartos que se poderían conseguir, recalcan, "co aumento de ingresos previsto co novo financiamento autonómico". A seguir, lembran que actualmente a Xunta só dedica 12,8 millóns de euros ás ONGD, apenas un 0,11% do total do seu orzamento, o que supón 4 euros por habitante para a acción solidaria exterior.
Ao tempo, as ONGD tamén critican que que a nova Xunta do PPdeG "rebaixe no nivel xerárquico a Cooperación Exterior, asumida hoxe por una subdirección xeral integrada na Consellería de Presidencia. "Trátase da primeira vez", detallan dende a Coordinadora, "dende 2001, en plena era Fraga, en que non hai unha Dirección Xeral que se ocupe dos asuntos de cooperación exterior, que perde así, remarcan "un claro peso político".
Beizón, reproche e recomendación para Feijoo
Alén de reprocharlle ao presidente da Xunta a inexistencia até o de agora de compromisos claros en materia de cooperación, as ONG de cooperación internacional enviáronlle, nun seu comunicado, os parabéns ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, por escoller visitar Nicaragua na súa primeira viaxe ao estranxeiro. "Parécenos unha boa idea que o primeiro país que visite Feijoo como presidente da Xunta sexa un país en vías de desenvolvemento", sinalan dende a Directiva da Coordinadora de ONGD, lembrando que Feijoo decidira viaxar a este país o pasado 11 de xuño, após entrevistarse co embaixador nicaragüense.
Porén, dende as ONG apuntan que, ao seu ver, o foco desta viaxe debería ser "impulsar os proxectos humanitarios galegos" en Nicaragua, e non "apoiar os intereses empresariais" nese país. A Coordinadora tamén lembra, a seguir, que Nicaragua é un país definido como prioritario no Plan Director da Cooperación Galega, e que a Xunta desenvolve alí desde hai anos, a través de ONG sobre todo, diversos proxectos de cooperación, cun investimento superior a 1 millón de euros nos tres últimos anos.