O doente é un neno de catro anos ingresado no Hospital Xeral-Calde de Lugo, que viaxou recentemente á Arxentina. A súa evolución é favorábel.
A Consellería de Sanidade confirmou que hai un neno de catro anos infectado polo virus da gripe A e está ingresado no Hospital Xeral-Calde de Lugo cunha situación clínica "leve", e presenta unha "evolución favorable". A Consellaría explicou que o menor acudiu ao centro sanitario atopándose mal despois dunha viaxe a Arxentina e as probas confirmaron o positivo ao virus AH1N1. Ademais informaron tamén de que hai outras tres persoas que presentan síntomas atribuíbles ao virus, polo que están analizando o seu estado de saúde.
Estas persoas son a nai do rapaz que deu positivo para o virus AH1N1, en Lugo; outra menor de idade que está ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); e un home de 34 anos que xa está no seu fogar despois de recibir asistencia no Complexo Universitario de Ourense. Sanidade dixo que estas tres persoas "están ben" e presentan unha evolución "favorable". Co caso do rapaz ingresado en Lugo son xa 24 os casos confirmados en Galiza de persoas infectadas polo virus da gripe A, dende que saltara a alarma hai xa dous meses.