O exército norteamericano desaparecería por completo, segundo sinalara o presidente Barack Obama, en decembro de 2011. Hai seis anos que os Estados Unidos invadiron o país.
Os Estados Unidos dan esta terza feira un primeiro paso na retirada das súas tropas de Irak, evacuando os soldados que permanecían nas cidades, aínda que continúan os que se atopan en pequenas vilas e aldeas, que seguen "preparados para intervir". "Contamos con que vai seguir habendo ataques", sinalou o voceiro do Ministerio do Interior iraquí, Abdul Karim Khalaf. Xustamente esta terza feira 30 de xuño celébrase no país do suroeste asiático o Día da Soberanía Nacional.
Cando Barack Obama asumiu a presidencia dos EUA, anunciou que no verán de 2010 as tropas despregadas en Irak -estímase que uns 50 mil soldados-, tiñan que volver, e que no seu lugar permanecería unha "forza residual", de uns 50 mil soldados máis, até o 31 de decembro de 2011, que é a data sinalada para completar a retirada.
Dende que comezou a invasión de Irak por parte dos EUA, hai seis anos, a mortalidade foi enorme. O balance entre as tropas dos EUA é de 4.300 mortas, e máis de 30 mil feridos. A cifra de civís mortos e moito maior, pero varía segundo as fontes. Por exemplo, a web Iraq Body Count tiña sinaladas unhas 100 mil vítimas mortais; mentres que para a revista médica The Lancet, xa había 650 mil hai dous anos.
Máis información: