Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Medidas "extremas e extraordinarias"

O BNG denunciará a situación da lingua perante a UNESCO e a Comisión Europea

Os parlamentarios Carme Adán e Bieito Lobeira aseguraron que o Goberno puxo o inglés por diante do galego, reducido a un "trato legal de dialecto".

Redacción - 16:50 20/06/2009

A situación lingüística do país chegará até o Consello de Europa e a UNESCO. Os deputados Carme Adán e Bieito Lobeira, do BNG, cualificaron de "extrema e extraordinaria" a situación do galego, o que require "medidas extremas e extraordinarias".

Nesta liña, Carme Adán anunciou que a formación nacionalista se vai dirixir á "XXXV Conferencia da UNESCO, que se celebrará en outubro, para trasladar un informe de denuncia da situación que está a producirse no país". Así mesmo, dirixirase ao Consello de Europa para denunciar "a vulneración da Carta Europea das Linguas" e convidará o Comité de Expertos para que visite o país e comprobe "a situación que padecemos".

Estas medidas "extremas", como definiu Bieito Lobeira, débense a que o Goberno "está a situar o inglés por riba do idioma do país no rango administrativo". Como exemplo, mencionou que os criterios publicados no DOG para designar cargos de alta responsabilidade, como a dirección do CGAC, inclúe o dominio do castelán e do inglés, e non do galego "ofrecendo mesmo un prazo de tempo para aprendelo".

A nova situación contrasta, a xuízo dos deputados do BNG, co último informe do Comité de Expertos do Consello de Europa, que recoñecía "avances" no apoio e na expansión do idioma galego grazas ás galescolas ou ao decreto da lingua, polo que convidounos a "que veñan agora a comprobar o que sucede", pois "a UE pode actuar xuridicamente ao ser a Carta Europea das Linguas un documento vinculante".

Para Lobeira, a actitude do PPdeG é "pretender darlle ao galego un trato legal de dialecto", e lembrou lle que "os resultados electorais nunca se poden converter nun cheque en branco para conculcar os dereitos democráticos dos pobos".

A enquisa ás familias
Con respecto á consulta formulada pola Consellaría de Educación sobre a lingua no ensino, Carme Adán afirmou que "prexudica a maioría social e só potencia intereses minoritarios". Engadiu que "a consulta non cumpriu os mínimos de rigor necesarios" e que supuxo "unha serie de gastos non cuantificados".

Esta situación contrastouna coa actitude da comunidade educativa, que amosou a súa "madurez" nun momento "caótico coma este, no final de curso" por teren "amosado o seu compromiso coa lingua propia de Galiza".

Adán preguntoulle ao Goberno se dimitirán as persoas responsábeis de enviarlles aos centros un comunicado que "tenta amordazar a liberdade de expresión". Tamén denunciou a desinformación no Parlamento sobre como se avaliarán os resultados nin como se custodiarán. Ademais, cualificou a enquisa de "cortina de fume para eliminar os libros gratuítos e os postos de 53 profesores".


4,61/5 (31 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: