O presidente de Irán pediu o cesamento das manifestacións e amosouse convencido de que non houbo fraude electoral.
O líder relixioso e presidente de Irán, o aiatolá Alí Khamenei, condenou a "interferencia" dalgunhas "potencias estranxeiras" no proceso electoral do seu país e avisou de que non precisa consellos sobre Dereitos Humanos das autoridades estadounidenses. Segundo Khamenei, "non coñecen a nación iraniana".
Na súa primeira comparecencia pública despois das protestas nas rúas, o aiatolá afirmou que os norteamericanos non teñen autoridade para falar de Dereitos Humanos "despois do que fixeron en Afganistán, en Iraq e noutras partes do mundo".
Tamén pediu o cesamento das manifestacións, asegurando que os resultados se deben "decidir nas urnas e non nas rúas" e que as leis da República Islámica nunca permitirían a fraude electoral. Khamanei pediulles aos líderes políticos que impidan as "actitudes extremistas" porque serán responsábeis "das súas consecuencias e do caos que se xere".
Culpou "os inimigos" do país de atacar a "lexitimidade do sistema islámico cuestionando as eleccións e a súa credibilidade" e dixo que "a nación iraniana o que precisa é tranquilidade". En calquera caso, recoñeceu que as súas opinións sobre política "están máis preto das de Ahmadineyad".