Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFLITO DO METAL

Feijoo intenta calmar os ánimos no metal: "a Xunta será a última en abandonar as negociacións"

O presidente do goberno pediu ás partes un esforzo para chegar a un acordo sobre o convenio colectivo.

Redacción - 18:40 18/06/2009

Os representantes da Xunta serán os últimos en levantarse da mesa de negociación e buscarán até o final unha solución acordada entre as partes para o conflito do metal. Así o asegurou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen apelou á calma e pediu responsabilidade tanto á patronal como aos sindicatos. O xefe do executivo eloxiou e defendeu o labor mediador do goberno galego e, se ben recordou que a folga é un dereito constitucional, subliñou que "non inclúe a extorsión, a ameaza nin a violencia".

Denuncia de peche patronal encuberto
Pola súa parte, os sindicatos do sector acusaron ao estaleiro Vulcano de "exercer presión" sobre os operarios para que traballen fora dos seus horarios estabelecidos. Ademais, denunciaron que este xoves "se retirara" a pasarela dun barco en construción, polo que uns 300 operarios non puideron desenvolver a súa actividade nas horas nas que non había folga. Entenden que este acto constituíu un peche patronal encuberto.

Xa na rúa, os folguistas mobilizáronse cortando o tráfico por diversas estradas do centro da cidade de Vigo. Un nutrido grupo dirixiuse precisamente até Vulcano, onde se celebrou unha asemblea e se denunciou a situación dos operarios que acoden a horarios diferentes á quenda de traballo, a cuestión da pasarela e que delegados sindicais de empresas auxiliares foron mandados aos talleres, polo que exixiron que volvesen aos seus postos de traballo.

Seguen as mobilizacións
De aí, os traballadores continuaron a súa marcha até chegar á Praza do Rei, onde se celebrou outra asemblea e deron lectura a un manifesto no que deron un ultimato á patronal para chegar a un acordo. Do contrario, dixeron, "darase un salto para chegar á convocatoria de folga xeral". Acusaron aos empresarios de deixarse levar pola súa ambición, o que "está levando a situación ao límite", polo que lles pediron !que se unifiquen e se poñan de acordo".

Nun principio, os operarios continuarán este venres cos paros parciais de catro horas e, durante a mañá, mobilizaranse polas rúas da cidade para celebrar unha nova asemblea cara ao mediodía.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: