Médicos sen Fronteiras expón en Vigo unha mostra sobre esta crise evitábel que sofren milleiros de crianzas cada día.
Imaxe da mostra
Médicos Sen Fronteiras (MSF) inaugurou o pasado xoves en Vigo, a exposición Desnutrición Infantil: unha emerxencia médica desatendida. A mostra pode ser visitada até este domingo ás 21.00 horas, nas Avenidas (estación Marítima, fronte a Piscina do RC Náutico).
MSF recrea unha intervención nutricional, isto é, como se organiza no terreo a resposta humanitaria a unha crise de desnutrición infantil. O obxectivo é achegar o visitante a unha realidade que ameaza 55 millóns de cativos en todo o mundo, e demostrar que existen solucións para lle facer fronte.
Fotografías, vídeos, unha narración sonora ou unha visita guiada, textos explicativos e material médico acompañan o visitante nun percorrido que segue paso a paso o traballo dunha intervención deste tipo: diagnóstico, tratamento, alimentación terapéutica, información ás nais e coidadores.