O rural exixe en Vimianzo, Santiago, Lugo, Chantada, A Coruña, ... un prezo xusto para o leite.
Decenas de tractores saíron este mércores cara ás cidades en caravana
Dende primeira hora da mañá deste mércores, moitas vilas gandeiras viviron o rebumbio dunha nova tractorada. 11 anos despois das últimas protestas a tractor, os gandeiros apostan por levar o seu descontento, queixume e exixencias á rúa, queren facerse escoitar e reivindican unha resposta inmediata por parte das administracións á crise do sector lácteo que é xa se instalou no seu día a día.
Baixo dúas convocatorias do Sindicato Labrego Galego (SLG) e Gandeiros Unidos (GU), os tractores percorren xa as principais vías de comunicación cara Santiago, A Coruña, Ferrol, Vimianzo, Chantada, Ribadeo e Lugo, onde están previstos os actos finais cara ao mediodía, cando conflúan todas as marchas.
Aqueles que se dirixen cara a capital galega saíron xa dende Ordes, A Estrada, Lalín, Arzúa e Rois e a previsión e que cheguen á explanada compostelá de Salgueiriños cara a unha da tarde. Cara a Ferrol, circulan dende Moeche e A Capela, se ben pasarán por San Sadurniño, A Mourela, Xubia, Estrada de Castela e a praza do concello de Ferrol. Mentres, os que se dirixen á Coruña saíron xa dende Montesalgueiro e Aranga; e os que se dirixen a Vimianzo chegarán dende Muxía-Quintans.
Xa na provincia de Lugo, a concentración da Mariña celebrarase na explanada ante as grandes superficies comerciais en Ribadeo; e no sur, os tractores diríxense até Chantada, dende Taboada, A Barrela, O Saviñao e Currelos. Xa na cidade das murallas reuniranse fronte ao edificio multiusos da Xunta, procedentes de Cospeito, Vilalba, Xermade, Guitiriz e Meira.
Prezo digno para o leite
O obxectivo da marcha é, fundamentalmente facer visíbel a situación de angustia e desesperación á que están chegando os gandeiros do país. Cunha baixada de prezos continua e os consecuentes abandonos diarios das explotacións gandeiras, os que aguantan exixen medidas urxentes por parte da administración que impidan o desmantelamento do sector lácteo galego. O Sindicato Labrego Galego reclama á ministra de Medio Ambeinte, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, un cambio profundo na política leiteira do Estado, que inclúa a eliminación do acordo de incremento do un por cento anual da cota dos países comunitarios.
Doutra banda, reclaman a redución da cota produtiva da Unión Europea para equilibrar a oferta á demanda; a redistribución do dereito a producir nas explotacións; o mantemento do control da produción e o estabelecemento dun prezo mínimo para o leite que cubra os custes e que permita aos gandeiros obter algún beneficio. Asemade, piden ao conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que habilite xa un plan de choque que evite o peche continuo de explotacións.