A Unión Europea e o goberno de Obama pecharon un acordo para axudarlle ao presidente dos EUA a pechar a prisión, tal e como prometera.
A Unión Europea e os Estados Unidos asinaron un acordo no que se indica a disposición comunitaria de axudar o presidente estadounidense, Barack Obama, a fechar Guantánamo. O acordo, redactado a xeito de declaración conxunta, estipula que Washington contribuirá a financiar os custes da residencia en Europa de algúns repatriados.
O documento, que será sancionado a vindeira segunda feira polos ministros de Exteriores dos Vintesete, recalca que a "responsabilidade primaria" de fechar Guantánamo e atoparlles acomodo aos detidos que poidan ser liberados "recae nos EUA". A UE tentou, sen conseguilo, que a cambio da súa colaboración, os EUA acollesen algún dos liberados. Porén, a Administración Obama négase a facelo, sinalando que non terminou aínda o proceso de revisión de todos os casos. O que si aceptaron os estadounidenses é sufragar todos os gastos que supoña a acollida dos presos nalgúns países europeos, que xa manifestaron a súa intención de aloxalos -coma o Estado Español-, e facilitarlles información para que os gobernos destes países poidan tomar unha decisión.
Na actualidade, só un recluso non europeo de Guantánamo está acollido por un país da UE: o alxerino Lakhdar Boumediene, que se atopa en Francia dende maio.
En Guantánamo, cando Obama desvelou os primeiros detalles do seu plan de feche do penal -o pasado 21 de maio-, permanecían 240 presos, dos 775 que, acusados de ter vínculos con Al Qaeda ou os talibáns afgáns, encheron o centro. Uns 50 presos poderían ser levados a xuízos nos EUA, aínda que de momento só hai cargos contra 21.