Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Esta sexta feira

Irán elixe entre a continuidade de Ahmadinejad ou un cambio total no goberno

Trátase de escoller entre mudanza ou reelección. O novo presidente atoparase cunha situación económica complicada, e unhas moi malas relacións cos EUA.

Redacción - 09:00 12/06/2009
O actual presidente de Irán, Mahmoud Ahmadinejad

O actual presidente de Irán, Mahmoud Ahmadinejad

Os cidadáns de Irán van esta sexta feira ás urnas para elixir o presidente do seu país. Fica por ver se Mahmoud Ahmadinejad sae reelixido, ou que algún dos outros tres candidatos -Mir Hossein Mousavi, Mohsen Raza ou Mehdi Karroubi- chegan a forzar unha segunda volta nas votacións, e fan posíbel unha mudanza no goberno. Se ningún dos candidatos consegue o 50% máis un dos votos válidos, os dous mellor situados terán que enfrontarse a vindeira sexta feira. Un total de 46,2 millóns de iranianos están convocados ás urnas nas décimas eleccións presidenciais dende a fundación da República Islámica, en 1979.

Quen veña detrás de Ahmadinejad atoparase cunha situación económica moi complicada, cuns altos índices de paro e de inflación. Precisamente, a situación de crise económica foi unha das armas empregadas polo adversarios de Ahmadinejad durante a campaña electoral, mais o presidente iraniano defendeuse dicindo que as súas políticas melloraran considerabelmente a situación do país.

O vindeiro presidente de Irán tamén deberá ter en conta o desenvolvemento do programa nuclear, e as relacións cos EUA, sobre todo após o último discurso do presidente Barack Obama, quen dixo que os iranianos tiñan dereito a empregar a enerxía nuclear, mais non a fabricar con ela armamento.

O control da "revolución de veludo"
A campaña electoral do Irán foi moi tensa, e cada un dos bandos verteu duras acusacións contra os outros candidatos, que foron subindo de ton así ían avanzando os días. Cando se pechou, o ex presidente Ali Akbar Hashemi Rafsanjani envioulle unha carta á máxima autoridade da República Islámica, o aiatolá Alí Khamenei, para que amosase a súa oposición pública ás "falsidades e mentiras" proclamadas por Ahmadinejad. Mais Khamenei nada dixo.

Tamén cómpre destacar que o líder do Consello dos Gardas da Revolución, Yadolá Javani, unha autoridade designada directamente polo aiatolá, alertou que algúns candidatos reformistas querían desenvolver unha "revolución de veludo", e que eles non o habían permitir. O Consello dos Gardas da Revolución controla as forzas armadas iranianas, e ten o dereito de veto dalgunhas leis que aprobe o Parlamento.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Situación de Irán en Oriente Medio (clique para ampliar o mapa)
Situación de Irán en Oriente Medio (clique para ampliar o mapa)
No caso de que un dos candidatos non consiga o 50% dos votos máis un, haberá que ir a unha segunda volta entre os dous máis votados
No caso de que un dos candidatos non consiga o 50% dos votos máis un, haberá que ir a unha segunda volta entre os dous máis votados