Falamos coa cofundadora de Antiga Restauración sobre a situación dos bens culturais do país e como lle está a afectar a crise ao seu sector.
Menéndez e Gómez posan diante do mural restaurado da igrexa de Aríns
Carmen Menéndez estudou Historia da Arte e especializouse na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra. Despois de 12 anos de traballo, recalou na Universidade de Santiago de Compostela, como restauradora. Alí coñeceu a María Gómez, coa que montou unha empresa especializada na rehabilitación do patrimonio, que leva un ano e medio de andaina.
Como é a situación da restauración no país?
O balance non é malo. Traballamos para o Consorciode Santiago, para a Xunta, para a USC e para o sector privado. Pero é mellorábel. Temos a vantaxe dos 12 anos de experiencia, e que a xente nos coñecía como equipo. Pero agora, coa crise, non hai moito traballo. Nótase un baixón, sobre todo por parte privada. As coleccións privadas deixan a restauración para máis adiante. Na Administración tardan máis en pagar. Aféctanos como autónomas non ter liquidez para asumir novos retos. Non temos un colchón económico suficiente.
Que tipo de traballos son os máis habituais?
En Galiza as especialidades son a arqueoloxía, a pintura e a escultura. Facemos un bo equipo porque eu especialiceime en Historia da Pintura e María Gómez en Belas Artes-Mural. Abarcamos un espectro amplo de posibilidades, sumado á experiencia que xa temos. Fixemos traballo de forxas, sobre papel... e agora estamos a facer un inventario da Ribeira Sacra. O que máis hai en Galiza son retablos. En ano e medio o que nos está a dar traballo é a Administración, pero tamén nos chamaron bastante por pintura mural. En moitos casos é patrimonio da Igrexa, pero é a Administración a que encarga a restauración, como no caso do patrimonio da Ribeira Sacra. A Igrexa non ten moitos cartos.
Cal é a situación do patrimonio cultural galego?
En Galiza non hai moitas pinturas murais e na Ribeira Sacra hai obras deste tipo que se están caendo. Pero non hai cartos. Temos un enorme patrimonio, pero está fatal. Fan falta moitos máis cartos. Ademais da Admnistración, sería preciso facer un esforzo conxunto. É un patrimonio enorme, e tamén inflúe a nosa climatoloxía, a humidade, que provoca que o ritmo de deterioración sexa enorme. Non dá tempo a actuar. Estamos tentando determinar que traballos teñen maior prioridade. Hai pinturas que nun ano caen. Se non actuamos, a deterioración ameaza até a desaparición dun ben. Na situación actual de crise é complicado salvar o patrimonio.
Está o país concienciado sobre a necesidade de restaurar os bens culturais?
Creo que hai conciencia de conservación por parte da Administración. Avanzou moito a sociedade en xeral e a Igrexa, pero queda moito traballo por facer. Aínda se seguen a efectuar intervencións recentes sen ningún criterio de restauración. Aínda hai moito por facer nese senso. As restauracións téñenas que efectuar técnicos. Pero agora hai unha Inspección de Patrimonio, que ten que aceptar os proxectos. Hai un control de todo o proceso e ten que dar un permiso. Iso tería que garantir que todo se fai do xeito correcto, pero o patrimonio e o territorio son moi grandes.
Cales son as súas perspectivas de futuro?
A experiencia acádase facendo moitos traballos diversos. Grazas a esa diversidade, creo que somos unha boa oferta, un referente pequeno de empresa que se pode mover en varios terreos. Podemos asumir diferentes traballos. Niso si que vemos un futuro, pero non hai cartos. Temos que superar esta fase de crise. Eu creo que si que hai un futuro, se se pasa este momento complicado.