Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COS PREZOS DO LEITE POLO CHAN

Os tractores tomarán A Coruña, Lugo e Compostela o vindeiro mércores 17

O Sindicato Labrego decidiu non adiar máis a protesta debido á situación “desesperada” que vive o sector leiteiro.

Redacción - 18:15 09/06/2009

Non hai marcha atrás. Once anos despois das últimas protestas con tractores, os gandeiros volverán a levar as súas máquinas de traballo a varias cidades do país. A asemblea do leite do Sindicato Labrego Galego decidiu este martes en Vilalba que non se pode agardar máis para tomar medidas de presión. O vindeiro mércores, dende primeira hora da mañá, os tractores sairán de diferentes comarcas do país en dirección á Coruña, Compostela e Lugo.

A data elixida non é casual. Nesa mesma semana está prevista unha nova baixada do prezo de leite en orixe, que nestes momentos está entre os 25 e os 28 céntimos por litro (algúns estudos estiman que o custe de produción para os gandeiros é de 30 céntimos). Dende o SLG insisten en que se non se establece un prezo mínimo o peche de centos de explotacións é cuestión de poucos meses.

Un dos dirixentes do SLG, Xabier Gómez Santiso, confirmou que o sindicato decidiu sacar os tratores á rúa de xeito unilateral porque así o demandan os seus afiliados. Porén, insistiu en que non se pechan á participación doutras organizacións agrarias, coas que seguirán compartindo outras mobilizacións. Hai que lembrar que SLG, XX.AA e Unións Agrarias tiñan convocada unha tratorada nacional para o pasado 28 de maio, porén, finalmente non chegou a producirse.

Caravanas polas cidades
A diferenza doutras veces, nesta ocasión os gandeiros non teñen previsto cortar o acceso das tres cidades elixidas para a protesta. Segundo puido saber Vieiros, a intención dos gandeiros é entrar en caravana nos núcleos urbanos como modo de manifestación. O acto prolongarase ao longo de toda a mañá.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: