Guillerme Vázquez pide o "voto masivo" para os nacionalistas, e Ana Miranda, a candidata da formación, afirmou que "é a única maneira de levar unha voz galega" ao Europarlamento.
O BNG pechaba a campaña para as eleccións europeas deste domingo 7 de xuño en Vigo. Alí estaban a eurocandidata do BNG, Ana Miranda, e seu o voceiro nacional, Guillerme Vázquez, e ámbolos dous coincidiron en pedir o "voto masivo" para os nacionalistas, xa que é "a única formación que representará e defenderá" os intereses de Galiza en Bruxelas.
Nesta liña, Vázquez falou da necesidade de teren os galegos e galegas unha "representación en Europa", para contribuír "xunto con millóns de cidadáns" a construír "outro modelo de Unión Europea", a unión dos pobos. Despois de facer un repaso polas necesidades que Galiza ten en Europa, e polos "erros" que os distintos gobernos españois cometeron en canto ao reparto de fondos, axudas e cotas, Vázquez falou tamén do conflito do metal, pedíndolle a todas as partes -patronal, traballadores e policía-, que traballen por terminar con el "canto antes". Para isto, sinalou, "é necesaria a intervención da Xunta ao máximo nivel, xa que Goberno ten a obriga de redobrar os esforzos para chegar a un acordo".
Polo seu lado, a candidata do BNG a europarlamentaria, Ana Miranda, fixo un chamamento ao "voto masivo" para a formación, sinalando que este é "un voto optimista, útil para a terra" e "a única maneira de levar unha voz galega a Europa". "Galiza vai estar en Europa da man do BNG, e será para facer unha Europa social, máis solidaria e máis ecolóxica", recalcou Miranda.