Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Poderíanlles impoñer unha sanción económica

A Fiscalía pide un xuízo por faltas para os detidos por tentar parar as pas no Salgueirón

Dende o Foro Social de Cangas denunciaron a práctica de multar os asistentes ás concentracións en protesta polas obras do porto deportivo, para minar o movemento.

Redacción - 19:00 02/06/2009
Unha imaxe da zona das obras, na vella Massó

Unha imaxe da zona das obras, na vella Massó

A Fiscalía pediu esta terza feira un xuízo de faltas para as tres persoas detidas, mentres tentaban parar as obras de construción do porto deportivo de Massó, en Cangas, a primeiras horas desta segunda feira. O fiscal considera que os tres detidos -os membros do Foro Social de Cangas, Tiago Pérez, Antonio S.G. e Aurelio L.R.-, poderían ser culpábeis dunha "falta contra a orde pública e contra as persoas".

Polo seu lado, as defensas pediron o sobresemento do caso, "debido a que non hai constancia de delito", tendo en conta que sobre as mesmas obras de Massó existe unha causa aberta para determinar a súa legalidade.

Denuncian que a imposición de multas é unha táctica para parar o movemento
Así o explicou Tiago Pérez, un dos detidos e membro do Foro Social de Cangas, quen tamén sinalou que esta terza feira se desenvolveu a vista nos Xulgados de Cangas, onde se abriron dilixencias, e Fiscalía e defensas efectuaron as súas peticións. Segundo indicou Pérez, agora tócalle decidir ao xuíz. Nesta liña, sinalou que no caso de seren os tres condenados como autores dunha falta, impoñeríanlles unha sanción económica, o que dixo, é "unha táctica xa estudada", xa que, segundo indicou, a garda civil dedícase a realizar "identificacións aos veciños" que acoden á zona das obras e, posteriormente, "impóñenlles sancións administrativas de 300 euros".

Pola súa parte, a empresa que está a construír o porto deportivo precisaba, ao coñecer esta segunda feira a noticia das detencións, que as obras "contan con toda a legalidade", e que a "invasión dos manifestantes" a unha "propiedade privada" foi unha "ilegalidade". Porén, dende o Foro Social de Cangas, sinalaron que os manifestantes só estaban a participar nunha sentada pacífica na praia, un lugar que é "de dominio público", e que foi a garda civil a que actuou "coma auténticos mercenarios", aos mandos dunha empresa.

Denuncian a desaparición dun sinal
Por outro lado, fontes do Foro Social e da policía local de Cangas confirmaron que na noite da segunda para a terza feira desapareceu un sinal de tráfico colocada hai pouco no camiño ao porto deportivo, e que limita o acceso a vehículos pesados de máis de 3,5 toneladas.

Un grupo de veciños acudiu, como acostuman facer, na mañá desta terza feira á zona e observou que o sinal tiña desaparecido, e que os operarios continuaban traballando.

Alén disto, de mañá unha decena de mariñeiros contrarios á construción do porto deportivo solicitaron unha xuntanza coa alcaldesa da vila, Clara Millán (BNG), mais non puideron entrevistarse con ela, por estar ausente.

Nova concentración para esta sexta feira
O Foro Social de Cangas convocou unha nova concentración no lugar das obras de Massó, para "reclamar que non se usurpe o mar, e que se faga cumprir a lei", para a vindeira sexta feira 5 de xuño, ao mediodía. Os mariñeiros uniránselles, como vén sendo habitual, sacando as súas embarcacións a navegar por esta zona.


Ligazóns

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: