Son máis de sete mil as alegacións en contra. Os afectados non comprenden que intereses hai en continuar cun proxecto que achegará tan poucos beneficios e tantos problemas.
Culleredo é un dos concellos que se verá afectado pola ampliación do aeroporto coruñés de Alvedro. Se cadra, o que máis. A catro montes do contorno da vila de Culleredo hanlles coller toneladas de terra, rebaixándoos, que se ha empregar en encher o val, para que aumente a pista. Ao medrar ao longo, 400 metros, a pista tamén crecerá ao alto, creándose un talude que, nalgunhas zonas, chegará a ter unha altura de 50 metros, ante as portas das vivendas dos veciños que máis perto viven da pista. A outros veciños deste municipio coruñés expropiaranlle as súas casas -as situadas na zona pola que se fará a ampliación-; a todos, contaminarlles, un chisco máis, o ar con combustíbeis e son; modificaralles o Plan Xeral de Ordenación Municipal polo que se rexe o seu municipio; e alteraranlles o sono coas obras, que se han facer de madrugada para non influír nas saídas e chegadas dos voos. Para todo terán que pedir permiso a Aena, mesmo para ampliar unha súa vivenda, construír unha outra... Tamén nos concellos de Cambre e Culleredo terán que pedir permiso para seguir adiante co seu PXOM.
Son unha manchea de problemas sociais, ambientais e económicos os que produce esta ampliación; e ben pouco beneficio a un aeroporto do que despegan e no que aterran, sobre todo, voos peninsulares e que se atopa a pouco menos de 40 minutos do de Lavacolla, en Compostela.
"Atopámonos con algo moi grande para nós, mais procuramos información e datos que nos dan a razón"
A Culleredo chegamos un destes días de calor inmenso. Tardamos abondo en cruzar Vilaboa, e chegar ao predio do Concello, na pequena vila que leva o mesmo nome. Na Casa do Concello teñen a súa base os veciños que conforman a plataforma de afectados pola ampliación do aeroporto de Alvedro.
Os membros da plataforma xúntanse nunha sala ampla, a carón dunha terraza dende a que se pode observar, á perfección, a zona pola que a pista de aterraxe de Alvedro pretende medrar, levando por diante perto de 30 vivendas, unha fábrica e unha escola. Ao crecer cara adiante, a pista ha quedar a só 150 metros da mesma Casa do Concello.
"Mais eles -os que quedan sen vivenda- non son os que peor están", di Johnny Ornia, voceiro da plataforma, sinalando que polo menos estas persoas han recibir unha compensación económica, e serán realoxados, mentres que o resto de veciños han vivir cun talude de perto de 50 metros nalgunhas zonas á porta da casa, alén de sufrir, día a día, a contaminación e o potente e molesto son producido polo tráfico aéreo, que ademais será ampliado, xunto coa pista. Despois ensina as cadeiras que hai situadas en círculo na sala de xuntanzas, facilitada polo concello, e di de brincadeira: "Aquí facemos as terapias de grupo". Na parede, os mapas da zona, nos que explica o que vai supor a ampliación da pista, non só para os veciños de Culleredo, senón tamén para os de Oleiros e Cambre, cuxos Plans Xerais se verán afectados polas obras, unha vez medre a pista.
"Cando soubemos da ampliación do aeroporto, atopámonos con algo moi grande para nós, polo que tivemos que crear un equipo multidisciplinar, con avogados, arquitectos, técnicos... e procurar asesoramento e a axuda de alguén que xa pasase por isto -a asociación española de Afectados polo Impacto Aéreo-, xa que nestes casos, a información é o máis importante", recalca Ornia, lembrando que en todo este proceso, eles manexaron os datos facilitados por Aena, no informe ambiental, analizándoos e explicándollos aos veciños da contorna: "Sempre achegamos datos obxectivos, sen querer entrar en ningunha polémica. Nós non estamos en contra do aeroporto, senón da súa ampliación; e por datos, baseándonos neles, non entendemos o que aquí se quere facer", sinala o voceiro da plataforma.
"Por este concello pasa absolutamente todo: a autoestrada, a terceira rolda, a depuradora, o aeroporto..."
"Xusto este é o único punto no que non se debería ter construído este aeroporto, xa que os ventos son moi fortes, e pola noite non se pode aterrar por causa do monte Xalo", di Ornia, recalcando que polo concello no que vive "pasa absolutamente todo: a autoestrada, a terceira rolda, a depuradora, o aeroporto...".
A seguir, vén unha listaxe de eivas do plan que presentou Aena para que sexan licitadas as obras de ampliación de Alvedro, que, segundo a plataforma de afectados de Culleredo, "parece que fixeron o típico informe-tipo, porque lles esqueceron moitas cousas". Primeiro, no informe de Aena non se contempla a retribución das persoas que van perder os seus fogares, mais tampouco o seu realoxo, que non será posíbel nun concello onde o 60% do territorio se verá afectado polas obras: "Non vai quedar sitio para realoxar estas familias", dixo Ornia. Alén disto, os traballos de desmonte realizaranse polas noites, "para non afectar o normal desenvolvemento das actividades do aeroporto", pero que, pola contra, si han afectar o descanso dos veciños. Alén disto, están as medicións do son dos avións, que segundo os veciños, serán o duplo -recorreron a unha empresa independente para facer as súas propias medicións- do que recolle Aena no seu informe; sen contar cos ruídos dos desmontes, das obras e dos camións dumper, que levarán as toneladas de terra dos montes da contorna para a nova pista.
Despois están os permisos. Unha vez se amplíe Alvedro, tamén medra a zona de influencia de Aena, de tal xeito que se alguén quere terminar unha obra comezada nesta zona, ou facer unha nova (isto tamén afecta os concellos de Oleiros e Cambre), será este ente estatal o que deberá facilitar os permisos. Sen falar da perda de valor das casas que se situarán a poucos metros da nova pista (algunhas, pegadas ao talude de terra de 50 metros de alto), que fará que algúns veciños sigan a pagar o mesmo importe na súa hipoteca, por unha vivenda que agora custaría moito menos.
"Non vemos xustificada esta obra, nin política, nin económica nin socialmente"
Alén disto, está tamén a terceira rolda da Coruña, que pasa por este concello e por un dos montes que, segundo o informe de Aena, sería un dos que habería que tirar terra, para ampliar a pista. "Nin isto contemplan dende Aena", sinala Johnny Ornia, ao tempo recalcando que "tampouco saben se a terra dos montes seleccionados da contorna lles vai chegar para cubrir as toneladas de terra que lles fan falta; e non contemplan o que acontecerá cos ventos, cando rebaixen estes montes". Nesta liña, Ornia recalcou que os veciños por veces quedan "asustados" ao ver a pouca concreción coa que se elaborou este informe de Aena: "nin sequera saben se lles van chegar os cartos, polo que desglosaron o investimentos en tres partes". "A xente está asustada, e non ve xustificada nun política, nin económica nin socialmente esta obra"
"Aquí asistimos a auténticos dramas humanos. A maioría dos veciños desta vila son persoas maiores, que levan toda a vida morando nestas vivendas, neste val", recalca o voceiro da plataforma veciñal, sinalando que opoñerse á ampliación de Alvedro chega a ser, moitas veces, "unha cuestión de lóxica".
"Nós non estamos contra o aeroporto, pero pensamos que o que debería haber en Galiza sería un aeródromo internacional e dous estatais, porque hai que ter en conta que coa chegada do TAV, os viaxeiros de Alvedro -que, por certo, cada vez son menos-, han diminuír, como aconteceu en Barcelona ou Sevilla; e que, por outro lado, estamos a un pouco máis de 30 minutos de Lavacolla, e ás veces tardas menos en chegar a Compostela que en cruzar Vilaboa dende A Coruña", dixo Ornia.
"Con información obxectiva, a xente pode chegar a pensar"
Cando son preguntados sobre que intereses pensan que hai detrás desta ampliación, porque se segue adiante, cando é un proxecto que fai máis dano que aporta beneficios, Ornia só di que ve "unha falta total de información por parte da xente de Coruña", feito do que culpa a "varios medios de comunicación, que non é que saquen o que lles interesa dos nosos actos, ou dos datos que facilitamos; senón que simplemente nos silencian".
Outros membros da plataforma, que asistiron a esta entrevista, culparon unicamente o "delirio localista" da Coruña e da súa agrupación municipal, por turrar cara adiante cunha obra que "non ten sentido ningún", e que está avalada por "argumentos que non se sosteñen, que non son certos ou que non foron probados".