Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Crónica enviada pol'O Varal

E a billarda tivo a súa Gran Muiñada

Dende a Liga Nacional de Billarda envíannos, en exclusiva, unha crónica do acontecido este domingo no campo de terra batida de Conxo (Compostela).

Redacción - 11:33 01/06/2009

Hai veces nas que semella imposíbel transmitir con palabras a dimensión tan brutal do acontecido, e esta é, sen dúbida, unha delas.O Play Galego de Billarda celebrado este domingo 31 de maio no campo de terra batida de Conxo deixou claras dúas cousas: que este deporte de esencia tradicional cruzou a liña, para ser considerado xa coma unha disciplina de carácter análoga ás demais actividades físicas maioritarias; e que a credibilidade dos palanadores e palanadoras coma deportistas galegos de seu está fóra de toda dúbida.

Unha tarde de calor abafante converteu o campo de fútbol de Conxo nun Gobi, onde os palanadores e palanadoras da LNB (Liga Nacional de Billarda) exerceron de xinetes no lombo do camelo da ilusión.

Final polo Título Nacional Feminino
Geni, palanadora dos Outros pertencente á Conferencia NorLeste (A Mariña) venceu despois dunha disputadísima final contra Fátima, palanadora do Culombios da Conferencia Sur (Ourense-Pontevedra).

Final polo Título Nacional por Equipos
Furabolos do Pino, Remourelle Bulls e Paquete Pinchas, os equipos campións en cada unha das tres Conferencias da LNB, dispúñanse a realizar o tan agardado choque a tres, un espectáculo dun nivel impresionante, do que foron testemuñas os centos de afeccionados chegados de todo o país que animaron de xeito intenso, desafiando o forno no que se convertera no medio día o estadio de Conxo.

Dende o lanzamento da primeira billarda os Paquete Pinchas, equipo da Conferencia Sur, non deu un segundo de tregua aos seus rivais. Unha auténtica apisoadora a franquicia do Sur, que sufriu unha pequena páxara no ecuador do partido, pero que en ningún intre viu perigar o seu título nacional pola acción dos Furabolos do Pino representantes da Conferencia NorOeste (A Coruña), nin polos inseguros Remourelle Bulls da Conferencia NorLeste (A Mariña).
Os Paquete Pinchas proclamáronse campións nacionais, cun xogo esbandallador e inaugurando o que xa se pode denominar como Billarda Moderna, un auténtico espectáculo ver a estes seis palanadores sinónimo de precisión, forza e elegancia, que desfán, de xeito sutil e sen concesións, a todo o que se poña por diante.

Final Nacional de Varados (ou tiros directos)
Comezaba a sesión de tarde e facíao da man do espectáculo, cun público beliscándose para certificar a realidade do que estaba acontecendo na pista de Conxo, acabada de regar regada para paliar os devastadores efectos da sufocante calor. Xuntanza de estrelas para iniciar as quentas de lanzamentos da Gran Final Nacional de Varados (ou tiros de longa distancia). Os catro primeiros clasificados por Conferencia estaban na pista dispostos a facer roer na area a todos os seus adversarios. Unha pista de terra batida que non daba concesións, ou si. Non hai espazo para a especulación, e o lanzamento ten que ser limpo e certeiro para penetrar no Varal (portería) sen tocar o chan. Especulacións e certezas, 10 tiros para cada un dos 12 palanadores, e a intuición dicía que o que fixera dous Varados faríase coa vitoria.

Fuco, pola Conferencia Sur, e Markytos, pola NorLeste, fixeron un Varado. Mais foi Rubén Otero, dos Lideiras da Conferencia Sur, o que conseguiu dúas dianas, confirmando os palpitos iniciais, para proclamarse campión galego nesta espectacular disciplina e pondo os piares da súa lenda na cidade de Estronópolis, ou a cidade anteriormente coñecida coma Compostela.

Final Nacional de Absoluta
Chegaba a hora da verdade, Markytos, o palanador dos Billardeiros Musicais da Conferencia NorLeste, puña o seu cinto de campión galego en xogo, sen medo, disposto a defendelo con uñas e dentes fronte ós 23 palanadores restantes, elixidos por seren os oito primeiros clasificados de cadansúa conferencia.

Unha loita sen tregua nas areas dun deserto chamado billarda. Os palanadores da final golpeaban e convertían o Varal, esa portería de dous paus verticais, no seu oasis particular no que só un dos finalistas tería acceso a beber das súas augas.
Todas as conferencias foron metendo os seus representantes nas series finais, sendo a Conferencia do Noroeste a que primeiro quedou sen elementos, despois da caída de Rafa e Maceira. Todo estaba en mans do emerxente Sur e do poder do NorLeste, que se resistía a deixar o seu reinado.

E chegou a tan agardada final a tres co actual campión galego, Markytos, sen concesión e totalmente concentrado disposto a defender o seu título nacional, xunto co seu compañeiro de equipo Hugo. Por outro lado estaba Rubén Otero, que facía unhas horas fora proclamado campión nacional de Varados, e que tamén estaba disposto a facerse co título individual absoluto.

E se nos Varados Rubén Otero cimentou a súa hexemonía, na final absoluta confirmouna, a del e a de toda a implacábel delegación do Sur.

Cun Varado, Rubén Otero selou a súa vitoria vencendo en todas as carreiras das cinco dispostas na final, e conseguindo así o título de campión nacional de billarda, nunha competición, a da LNB, que confirmou neste Play Off Galego, unha dimensión espectacular nunca antes soñada no eido do deporte galego.

O día no que a nosa televisión pública decida dar un paso á fronte emitindo unha final LNB ao completo, deixará cegos a moitos televidentes ao refregaren os ollos para confirmaren que o que están a ver é certo e está acontecendo nesta terra e neste tempo...


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: