O Fremskrittspartiet argumenta que ningún grupo étnico, aínda que indíxena, debería ter privilexios sobre a terra ou de autogoberno.
Traxe saami tradicional
O Fremskrittspartiet (FrP, Partido de Progreso), pretende que o Parlamento Saami sexa abolido, que se reduzan os dereitos do pobo saami sobre as súas terras e que o Estado noruegués revoque a súa adhesión á Convención 169 da Organización Internacional do Traballo da ONU sobre dereitos dos pobos indíxenas.
O partido conservador, o segundo máis importante do país, considera que ningún grupo étnico, nin sequera indíxena como é o caso dos saami, debería ter privilexios sobre as súas terras ou de autogoberno, segundo aprobou no seu congreso anual desenvolvido esta semana.
Esta nova medida dentro da política anti-saami do FrP xorde a consecuencia das tensións entre a poboación saami e a non saami polas reclamacións dos primeiros sobre territorios ao norte do país, informa o Barents Observer. O Parlamento Saami de Noruega é a asemblea máis influínte das tres existentes.
Anulación identitaria
Até despois da II Guerra Mundial, o pobo saami estivo exposto a un proceso brutal de asimilación, ou de anulación identitaria. Entre outras cousas, obrigóuselles a se asentaren en vilas e cidades e prohibiuse a lingua e os nomes saami.
Moitas familias abandonaron a cultura propia en favor das dos estados correspondentes (finés, sueco, ruso e, onde a comunidade é maior, o noruegués), aínda que na actualidade hai unha maior conciencia como pobo, o que provoca reaccións como a do FrP.