Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A LOITA POLA LIBERDADE

Smara, a voz que se levanta no medio do deserto

Activistas saharuis abandonan un peche de protesta na sede da ONU en Smara. Cascos azuis escoltáronos e comprometéronse a vixiar que Marrocos non tome represalias.

Redacción - 18:30 28/05/2009

A wikipedia conta que Smara é unha cidade do deserto do Sáhara Occidental. O último censo, de 1999, falaba de 50 mil habitantes. Pero Smara é tamén un centro da resistencia civil do pobo saharui. No medio da ocupación militar marroquí, as bandeiras saharuis son os símbolos dun pobo que se resiste a desaparecer.

O último acto, ben cargado de simbolismo, produciuse esta mesma semana. Catro activistas a prol dos Dereitos Humanos pecháronse a primeira hora da mañá do martes na sede da Misión de Nacións Unidas para o Referendum do Sáhara Occidental (MINURSO). O peche reivindicaba a fin do exterminio do pobo saharui. Doce horas despois, escoltados por cascos azuis, os catro activistas abandonaron as instalacións da ONU.

Said Sidi Mohamed, Saad Enguilla Bujarsi, Said El Beilal e Hamadi Nasiri depuxeron o seu peche logo de que altos cargos da MINURSO lles garantiran a súa seguridade e que farían un seguimento da súa situación para evitar represalias da policía e do exército marroquí.

Os activistas entregaron unha carta dirixida ao secretario xeral da ONU na que denunciaban os sistemáticos despedimentos laborais dos independentistas, a persecución nas rúas e as continuas detencións de mozos

Poucos minutos antes da saída dos catro saharauis, a policía marroquí retirouse das inmediacións da sede da MINURSO. Porén, os domicilios dos activistas xa están a ser controlados polos axentes.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: