Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Promete unha “rigorosa xestión económica”

Sánchez Izquierdo pide unha reforma urxente da lei da CRTVG e promete "erguer a bandeira da nosa lingua"

O candidato a director da pública ha contar cun equipo "máis novo e reducido", e ha axilizar unha auditoría da situación interna do ente.

Redacción - 09:00 28/05/2009
Alfonso Sánchez Izquierdo

Alfonso Sánchez Izquierdo

O candidato proposto pola Xunta para ser o novo director da Compañía de Radio e Televisión de Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, sinalou esta cuarta feira que a súa "prioridade" é a reforma do marco legal do ente público, acrecentando que, na súa "humilde opinión", o Goberno e os grupos que forman o Parlamento deben acometela no prazo "máis urxente e breve posíbel".

Así o asegurou na Comisión Institucional da Cámara, onde compareceu acompañado polo director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Roberto Castro, como candidato da Xunta para asumir a dirección da CRTVG, posto para o que conta só co apoio do PPdeG -nacionalistas e socialistas abandonaron da comisión, en protesta.

Contención do gasto e austeridade
Sánchez Izquierdo tamén prometeu, no seu discurso, unha xestión baseada no "control e rigor económico", acorde coa "austeridade" que exixe a actual conxuntura de crise económica. O ex director do xornal La Región tamén adiantou que o aproveitamento das "sinerxias produtivas" da compañía serán o eixo dun "renovado, novo e moito máis reducido" equipo directivo, cuxos principais obxectivos serán "o incremento da produción propia, a produtividade, a mellora da calidade, a contención do gasto e a austeridade". Sánchez Izquierdo tamén se referiu á necesidade de darlle ao ente "transparencia e independencia informativa".

Tras comparecer ante o Parlamento, último trámite necesario -en cumprimento da Lei de Transparencia aprobada polo bipartito- para que o seu nomeamento poida ser ratificado pola Xunta, Alfonso Sánchez Izquierdo anunciou a súa intención de comparecer ante o Consello de Administración da CRTVG para presentar o seu novo equipo. A continuación, convocará os representantes dos traballadores para manter un encontro.

Así mesmo, asegurou que a súa "primeira tarefa" como director do ente público será realizar o "diagnóstico" da súa realidade interna. Para isto, anunciou que vai realizar unha auditoría "de xestión e proxección a curto e medio prazo". Concluída esta fase, o vindeiro director da CRTVG prevé convocar as asociacións empresariais do sector audiovisual e a outros colectivos "representativos" vinculados co ente público.

"Non podemos nin debemos retroceder ao erguer a bandeira da nosa lingua"
Sánchez Izquierdo asegurou que vai asumir o "envite profesional e persoal" de dirixir a compañía con "humildade e satisfacción" e enfatizou a importancia de que o ente público continúe exercendo o seu "importante" papel na normalización e promoción do galego e da nosa cultura. "Non podemos nin debemos retroceder ao erguer a bandeira da nosa lingua", proclamou, garantindo que ha "acrecentar" esforzos e investimentos "para mellorar a súa calidade e impacto".


3/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: