Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Arredor do novo nomeamento

O PSdeG propón negociar o modelo da CRTVG, mentres o PPdeG asegura que xa o fixo

Por outra banda, o BNG asegura que se está a acelerar irregularmente o proceso de nomeamento de Alfonso Sánchez Izquierdo.

Redacción - 19:00 25/05/2009

A consecuencia do recente nomeamento no Consello da Xunta de Alfonso Sánchez Izquierdo como candidato a director xeral da CRTVG, os tres grupos parlamentarios posicionáronse sobre como deberá ser o proceso de designación das persoas que estarán á fronte dos medios públicos do país.

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, propuxo que se constitúa un grupo de traballo no Parlamento con "representación dos tres grupos" para consensuar o modelo dos medios públicos, o seu "novo" marco normativo e o seu director xeral. Vázquez lembrou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, se "comprometeu a consensuar" un modelo para a TVG e a Radio Galega e "a redefinir" a súa lei reguladora baseándose en criterios de "independencia e transparencia".

Vázquez asegurou que o nomeamento de Sánchez Izquierdo foi unilateral por parte do PPdeG e que "nunca" falou con el desa cuestión. O secretario xeral do PSdeG asegurou que, se se leva a cabo a súa proposta, o novo modelo da CRTVG podería estar vixente "ao longo de 2010".

"Pachi" Vázquez puxo como exemplo a Televisión Española e convidou a Feijoo a seguir un "modelo de xestión transparente, independente e afastado dos vaivéns políticos", ao tempo que opinou que a TVG "vai no camiño diametralmente oposto. Será a televisión de Feijoo".

Resposta do PPdeG


O voceiro do PPdeG no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas, tachou a polémica aberta polo PSdeG de "artificial" e salientou que "por primeira vez se consensuou a proposta" para nomear director da CRTVG, e que se levará ao Parlamento a reforma da Lei da Compañía, "un compromiso que o bipartito non cumpriu. Iso é o que lles doe aos socialistas", asegurou, ao tempo que lembrou que o anterior Goberno nomeara "a dedo" as persoas responsábeis dos medios públicos.

Segundo Ruíz Rivas, o PPdeG "traerá ao Parlamento galego unha Lei que garanta a transparencia, obxectividade e profesionalidade dos medios de comunicación públicos, que é xusto o que eles non fixeron", e considerou que a proposta de crear un grupo de traballo "é unha burda pretensión de manter canto máis tempo mellor a unha dirección da CRTVG que xa demostrou abondo unha falta de obxectividade nunca vista".

Ruíz insistiu en que o PPdeG lles presentou aos socialistas "unha serie de nomes de entre os cales eles elixiron a Sánchez Izquierdo, e negar iso é ser moi pouco éticos", e que foi o PSdeG "os que racharon unilateralmente os acordos para seguir falando da CRTVG". Recomendoulles aos socialistas que abandonasen "a estratexia do berrinche e da falsidade".

O BNG denuncia irregularidades


Pola súa banda, o voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, denunciou que o PPdeG tenta "facerse co control da CRTVG canto antes" e que roza a vulneración da legalidade para "acelerar ao máximo todos os trámites" para designar Sánchez Izquierdo como director xeral o xoves, en pleno período electoral.

Para Aymerich, o acontecido é "moi grave" e concibe o Parlamento como "terminal do Goberno", que implica considerar a presidencia da Cámara como unha auténtica "delegación da Xunta". Neste senso, sinalou que se axilizou a comparecencia do director xeral de Relacións Institucionais na Comisión 1ª do Parlamento o mércores para dar conta da proposta de  Sánchez Izquierdo grazas ao "coñecemento previo" por parte da presidenta dos asuntos a tratar no Consello da Xunta.

Segundo o voceiro nacionalista "podemos estar ante un caso de  posíbel vulneración do segredo ao que está sometida a orde do día da Comisión de Secretarios", pois o mércores 20 a Mesa do Parlamento remitiu unha convocatoria para o venres 22 de "calificación e admisión a trámite do escrito da Xunta comunicando o candidato para a dirección da CRTVG", asunto que se tratou no Consello do xoves 21, unha "información privilexiada que pon de manifesto a confusión de Executivo e Lexislativo e pode incorrer en delito se se desvelou o segredo dos asuntos do Consello da Xunta".

Na mesma liña, Aymerich asegura que se acelerou o feito de que se poida propoñer na comisión parlamentaria do mércores o nome de Sánchez Izquierdo de cara ao seu nomeamento do Consello do xoves 28. Tamén negou que ese nome fose froito do "consenso", o que supón un novo incumprimento electoral de Núñez Feijoo.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: