O alto tribunal español tamén lles rebaixou as penas a outras 37 persoas procesadas, das 47 que fan parte deste caso. Ademais, desmontou a tese empregada para pechar Egin.
O Tribunal Supremo (TS) español absolveu a 9 dos 47 procesados no sumario 18/98 contra EKIN e outras organizacións do seu contorno, e rebaixoulles substancialmente as penas a outras 37 persoas.
Así o acordou a sala do penal do TS nunha sentenza de un milleiro de folios, feita pública esta terza feira, perto de 20 días despois de que o alto tribunal lle comunicase as absolucións á Audiencia Nacional española, que, ao coñecer que se mantiñan "os pronunciamentos condenatorios a penas privativas de liberdade", ordenou a detención e ingreso en prisión dos procesados que se atopaban en liberdade provisional.
A meirande parte das reducións de condena foron debidas a que o TS considerou que unha parte importante dos condenados por delito de pertenza a ETA, debían selo polo delito de colaboración con banda terrorista. Outro dos motivos é que o Supremo anulou a condición de "dirixente de organización terrorista", motivo polo que a Audiencia condenada a Elena Beloki, Vicente Askasibar, Carlos Trenor, Juan María Mendizabal, Segundo Ibarra e José María Olarra. A única condena que non foi modificada foi a de José Ramón Antxia, que mantén os dous años de cárcere por colaboración que lle impuxera a Audiencia Nacional española.
O Supremo tamén revogou a declaración de ilicitude da editora Orain -responsábel do diario Egin, que foi pechado pola Audiencia Nacional en xullo de 1998-, aínda que mantén as de KAS, EKIN e XAKI, organizacións que foran consideradas pola Audiencia Nacional española coma as "entrañas" de ETA.
A noticia nos medios de comunicación de Euskadi: