Comeza nos EUA o xuízo á petroleira por violación de dereitos humanos en Nixeria, incluída a relación con torturas, detencións ilegais e execucións.
Ken Saro-Wiva, escritor e activista nixeriano asasinado en 1995
Vai para quince anos da morte de Ken Saro-Wiva. escritor e activista nixeriano condenado a morte en 1995 por un tribunal militar. O propio escritor dixo nunha ocasión non ter dúbidas de que a petroleira Shell sería xulgada e castigada algún día pola súa relación cos crimes cometidos no país contra o pobo Ogoni.
Na altura deste 2009, á fin un tribunal de Nova York inicia este martes o xuízo contra a empresa, acusada de complicidade na tortura e morte de activistas en favor dos dereitos humanos. Un deles foi o propio Saro-Siwa, quen no seu momento ergueu a voz contra o proceder da multinacional na rica rexión do delta do Níxer e colaborou na fundación do Movemento para a Supervivencia do Pobo Ogoni. Pouco despois, xunto con outros oito activistas cos que realizara unha campaña pacífica de denuncia da destrución do ecosistema local, foi asasinado polo goberno liderado polo ditador Sani Abacha.
Trátase dun caso especialmente relevante, non só polo castigo que podería recibir a empresa Shell, acusada de conivencia coa ditadura nixeriana para a represión violenta das protestas cidadáns, senón polo propio precedente que crearía fronte á impunidade outras veces denunciada da actuación de grandes multinacionais en contornos naturais parecidos.