A Confraría denuncia o uso de explosivos para a pesca da sardiña mentres a flota local está amarrada para cumprir co paro estabelecido.
A pesca con explosivos é unha práctica ilegal
"É a mesma historia de todos os anos", di Eduardo Carreño, patrón maior da Confraría de Portosín (Porto do Son), "chegan estas datas e vémonos na obriga de volver a denunciar". Mentres a flota do cerco está amarrada para cumprir co paro e poder así acceder ás axudas da anchoa, algunhas embarcacións están a pescar ilegalmente utilizando explosivos. Comprobárono os propios mariñeiros, que colleron aos ilegais "coas mans na masa": os barcos que faenan preto do faro de Corrubedo escoitaron as detonacións e mesmo identificaron ás embarcacións. "Claro que os coñecemos", di Carreño, "son dous cerqueiros de Vigo e un de Camariñas e xa trasladamos os seus datos á administración, agora só queda que actúen".
Práctica que se mantén, malia a súa prohibición
O de Portosín está a demostrar que é un colectivo de armadores dos que máis denuncian este tipo de prácticas que, sen embargo, se producen en diferentes partes da nosa costa. Con todo, a última detención practicada remóntase até hai dous anos, cando a Garda Civil efectuou unha gran redada contra a pesca con dinamita. Supuxo o ingreso en prisión de tres irmáns, propietarios de dous barcos, que foron acusados de delitos de tenencia de explosivos e contra o medio ambiente. Dende aquela até hoxe non se fixeron máis incautacións nin detencións, malia que o sector é consciente de que a práctica persiste.
Máis recentemente responsábeis da Garda Civil de Pontevedra mantiveron unha xuntanza cos patróns maiores das confrarías para coñecer as preocupacións do sector, entre as que se atopaba a da pesca con munición. Acordouse entón fomentar a coordinación e as accións conxuntas entre a benemérita e mailos armadores para seren máis vixilantes con este tipo de prácticas. Con todo, o medo é un dos factores que impide, as máis das veces, aos mariñeiros legais denunciar a aqueles que pescan ao marxe da legalidade: "claro que hai temor a que se tomen represalias", di Carreño, "e mesmo anos atrás houbo enfrontamentos na flota que loxicamente non favoreceron a ninguén".
En que consiste a pesca con dinamita?
Encher as redes de peixe grazas á utilización de explosivos é unha práctica que se remonta moitos anos atrás (mesmo en 1906 a Liga Marítima da Coruña presionaba ao Ministerio da Mariña para que perseguise a utilización de explosivos para fines pesqueiros). Os máis habituais son xelamonita, dinamita ou pólvora, que son lanzados ao mar atados a pedras. As mechas están preparadas para explotar e, grazas á rápida propagación do son na auga do mar, os peixes desorientados acoden á superficie, onde son rapidamente capturados polos mariñeiros. En concreto, a explosión destrúe o oído interno da sardiña (onde reside o seu sentido do equilibrio) e a súa vexiga natatoria (que é o que lle permite controlar a profundidade), por iso sobe rapidamente ao exterior. De feito, se non fose capturada, acabaría morrendo aos poucos días.
Esta práctica é extremadamente destrutiva para todo o ecosistema. Dunha banda pola propia explosión e doutra, pola onda expansiva que aniquila o hábitat subxacente que, ao tempo, é alimento para as outras especies que habitan na zona. Cando a dinamita estala no mar, a súa onda expansiva ten cinco veces máis efecto que en terra: a velocidade de difusión do son é de 1.500 metros por segundo. Ademais, a pesca con explosivos comporta un alto risco para os propios mariñeiros. Normalmente, empréganse artefactos caseiros que estalan sen previo aviso, polo que xa teñen danado ou mesmo matado a persoas que os estaban a utilizar.