A titular da carteira de Medio Ambiente, Rural e Mariño avogou por un "gran pacto" entre industria, produtores e administración contra o leite ilegal.
A ministra ourensá, Elena Espinosa
A ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño (MARM) propuxo un "gran pacto de entendemento" similar ao "doutros países do contorno", entre industria, produtores e administración para "vixiar as exportacións" e evitar a entrada de leite ilegal no Estado Español.
En declaracións á Cadea Ser, Espinosa destacou que o plan estrutural do sector leiteiro que prepara o seu departamento para 2015 ten un obxectivo prioritario: "facer un sector competitivo, pero pensando en Galiza".
Reagrupar as pequenas explotacións
"Eu espero que non", sinalou en referencia ao posíbel peche das explotacións: "en Galiza leva producíndose varios anos leite, nós partiamos de explotacións moi pequenas, moi mal dimensionadas. Este proceso é posíbel que siga, isto non quere dicir que vaiamos producir menos, porque España segue a ser un país deficitario en canto a oferta e demanda", asegurou a ministra ourensá. Espinosa tamén admitiu que o sector lácteo "vive un mal momento" e sinalou que a crise económica mundial "tamén o está a afectar", pero apostou por redimensionar o sector coa agrupación das pequenas explotacións.
Sobre as axudas anunciadas por Feijoo
Sobre as mobilizacións e tractoradas de protesta que están previstas no sector, Espinosa dixo respectalas, mais aclarou que dende o Ministerio que dirixe están "traballando" para poñer en marcha este plan -dotado de 70 millóns de euros- "co consenso do sector".
Por outro lado, Espinosa aclarou que "non se poden anticipar as axudas da Comisión Europea", tal e como prometeu o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, aínda que explicou que "si se poden facer convenios con entidades financeiras que anticipen estes cartos".