A Xunta vai anticipar 70 millóns de euros a partir do mes de xuño para “solucionar en parte as tensións económicas”.
O presidente recibiu este luns a representantes dos tres principais sindicatos agrarios do país (UU.AA, XX.AA, e SLG). Na xuntanza, Núñez Feijoo adiantou que o seu Goberno vai pór en marcha un “plan de choque” que axude a paliar a situación económica que sofren as granxas do leite. Logo do encontro, no que tamén estivo presente o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, o titular do executivo sinalou que “a Xunta comprométese a anticipar 70 millóns de euros para que todas as explotacións gandeiras poidan, a partir do mes de xuño, empezar a percibir os 70 millóns de euros que proveñen da Unión Europea e que non poderían prescibirse até o ano que vén”. A respecto da liquidez das explotacións, Feijoo tamén afirmou que se ían pagar entre “oito e dez millóns en axudas que aínda están sen pagar”.
O conselleiro comprometeuse cos sindicatos a reunirse nos vindeiros días con representantes da industria para abordar todos xuntos a entrada de leite foránea a baixo custe (basicamente excendente francés). Feijoo prometeu “falar en serio coa industria, cos distribuidores para evitar que entren toneladas e toneladas de leite por baixo do custo”. Tamén, como lle pediron os representantes dos gandeiros garantiu que se reforzarán as inspeccións dos prezos.
Por último, a Xunta trasladaralle ao goberno español as inquedanzas dos produtores galegos: “Hai que dicirlle ao Ministerio de Medio Rural que o sector lácteo é un sector tan importante como o do aceite, o porcino, ou o sector da hora valenciana, murciana ou do arco mediterráneo”