Dalia Grybauskaite foi elixida presidenta do país na primeira volta das eleccións este domingo, co 69% dos votos válidos.
A comisaria europea Dalia Grybauskaite foi elixida presidenta de Lituania na primeira volta das eleccións este domingo, co 69% dos votos válidos, segundo os resultados publicados esta segunda feira pola comisión electoral central do país, en base aos 99,34% dos sufraxios.
"Felicito aos lituanos pola súa decisión", declarara horas antes Grybauskaite, quen acrecentou que "o sabor da vitoria é o peso da responsabilidade". A seguir, a vindeira presidenta de Lituania, que será investida o 12 de xullo, sinalou que a súa primeira tarefa vai ser avaliar o traballo do goberno e propoñer a candidatura do primeiro ministro.
Grybauskaite presentouse a estes comicios coma unha candidata independente que facía da transparencia da vida pública e a loita contra os oligarcas os puntos claves do seu programa. A vindeira presidente lituana, quen foi tamén ministra de Finanzas do país, fixouse como primeiro obxectivo "tratar de estabilizar a situación financeira de Lituania para que remonte a costa o antes posíbel". Fronte a outros seis candidatos, e no contexto de crise económica que está afectando gravemente o país, a actual comisaria encargada do orzamento da Unión Europea conseguiu unha clara vitoria, deixando moi por detrás o seu principal rival, o socialdemócrata Algirdas Butkevicius, que colleitou o 11,86% dos votos.