A mostra, que se poderá visitar até setembro, amosa esta fin de semana un decomiso policial real de distintos tipos de armas.
A base da exposición de Santiago Sierra no MARCO (até o 29 de setembro) é un conxunto de 54 tetrápodos de cemento dos habitualmente usados para formar diques; tanto a forma como a súa disposición en liñas converxentes actúan como reflexo da estrutura panóptica radial do edificio. Porén, a atracción esta fin de semana é a mostra que acompaña á exposición, un Epílogo sobre a sensibilidade policial, titulado Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos, tamén relacionado co pasado do edificio como cárcere e xulgados de Vigo.
Con esta proposta de Santiago Sierra, o museo cede o espazo do salón de actos á Policía Nacional para anunciar e mostrar os alixos incautados durante un ano na cidade. Máis aló dos vínculos históricos coa actividade do edificio que hoxe acolle o MARCO, o artista pretende estabelecer un paralelo formal, recoñecendo a sensibilidade policial á hora de clasificar e exhibir os obxectos decomisados dun modo similar ao que os museos mostran habitualmente as obras de arte nos espazos expositivos. Estas presentacións serán fotografadas polo artista, como apropiación, para facer un arquivo da actividade policial durante un ano na nosa cidade.
A presentación do primeiro decomiso tivo lugar o xoves 14, e até o 17 de maio poderase observar o mosaico que conforman un conxunto de armas incautadas pola Policía Nacional de Vigo clasificadas en: armas longas; armas simuladas longas; armas simuladas curtas; utensilios para roubos con forza; gases e bengalas; armas brancas; artes marciais e puños americanos; catanas e armas brandas de grande dimensión; e armas contundentes.
Arte e diversidade sexual no CGAC
O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugurou este xoves en Compostela a exposición En todas as partes. Políticas da diversidade sexual na arte, unha panorámica sobre as representacións e narracións da diversidade sexual na arte dende os anos sesenta até a actualidade. O proxecto dá conta das diferentes representacións da masculinidade e da feminidade na cultura occidental. A mostra reflite o aumento da visibilidade de gais, lesbianas e transexuais na mesma medida en que aumentan os dereitos de toda a poboación. A mostra poderase visitar durante todo o verán, até o 20 de setembro e contará cun programa de actividades paralelas moi completo que comezarán os días 18, 19 e 20 de maio con conferencias e mesas redondas nas que participarán activistas e artistas.