Comisariada por Juan Vicente Aliaga, retoma o camiño iniciado en 'A batalla dos xéneros', con obras de Gilbert&George, Catherine Opie ou Mapplethorpe.
O 14 de maio inaugúrase no CGAC unhas das exposicións máis agardadas do ano. A mostra En todas partes, de Juan Vicente Aliaga, retoma a investigación sobre prácticas de xénero na arte contemporánea no punto onde a deixou A batalla dos xéneros (2007). O proxecto dá conta das diferentes representacións da masculinidade e da feminidade na cultura occidental. A mostra reflite o aumento da visibilidade de gais, lesbianas e transexuais na mesma medida en que aumentan os dereitos de toda a poboación.
A exposición nútrese das achegas dun importante número de artistas: Gilbert & George, Catherine Opie, Félix González-Torres, Robert Mapplethorpe, Del LaGrace Volcano, David Wojnarowic, Annette Frick, Annie Sprinkle, Azucena Vieites, Barbara Hammer, Bruce La Bruce, David Hockney, Keith Haring, Kutlug Ataman, Xoán Anleo ou Uqui Permui. Porén, a revisión que formula convértea nunha exposición de tese máis ca nunha mostra colectiva. Comeza estudando as creacións artísticas dos anos sesenta e setenta (subtitulados 'paraíso sexual') e oitenta ('sida, militancia'), para centrarse nos anos noventa, nos que analiza, sucesivamente, transformación e perfomatividade, espazo público, cultura de masas, e historia e memoria.
A mostra poderase visitar durante todo o verán, até o 20 de setembro e contará cun programa de actividades paralelas moi completo que comezarán os días 18, 19 e 20 de maio con conferencias e mesas redondas nas que participarán activistas e artistas.
Programa
18 de maio
17.00. Conferencia: Beatriz Preciado
19.00. Mesa Redonda: Maribolheras Precárias, Gracia Trujillo e Mili Hernández.
19 de maio
17.00. Conferencia: Catherine Lord
19.00. Mesa redonda: Akram Zaatari, Sunil Gupta e Henrik Olesen.
20 de maio
17.00. Conferencia: Frank Wagner
19.00. Mesa redonda: Ins A Kromminga, Helena Cabello/Ana Carceller e Del LaGrace Volcano