Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate do Estado

Renova compromiso, analiza o PSOE; escorre o vulto, quéixase o PP

Os socialistas din que as medidas do goberno español implican 1.200 millóns de euros para Galiza. O PP espera que dean a cara "polos enganos".

Redacción - 09:00 14/05/2009




A actualidade máis directamente relacionada con Galiza, caso do sector leiteiro ou as demandas sobre infraestruturas, permaneceu esta semana fóra do debate de Estado durante as intervencións e réplicas iniciais do presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, e o líder da oposición, Mariano Rajoy, e até a intervención este mércores do voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera.

Con todo, Ceferino Díaz, deputado socialista na Cámara, valoraba moi positivamente a resposta de Rodríguez Zapatero ás prioridades do noso país. Na opinión de Ceferino Díaz, o balance final é de "renovación" dos compromisos estabelecidos coas obras pendentes en Galiza. Díaz dixo ver unha importante "implicación" do goberno español con Galiza e destacou o anuncio da próxima comparecencia do ministro de Fomento, o lugués Xosé Blanco, para explicar "polo miúdo" a situación das demandas galegas en materia de infraestruturas.

Diferente foi a valoración realizada polo PP, xa que o coordinador dos deputados galegos no Congreso, Celso Delgado, considerou que o presidente do goberno español "escorreu o vulto" e desaproveitou a ocasión para comprometerse con Galiza. Criticou Delgado que non se mencionase ningún dato concreto sobre licitacións de obras, nin concreción de prazos e que non houbese referencia ningunha á celebración da primeira xuntanza da comisión de seguimento das obras. Sobre o anuncio das explicacións do ministro de Fomento, avaliou o deputado ourensán do PP que se trata da necesidade de "dar a cara ante os galegos polo seu engano", en referencia ás garantías sobre a chegada da alta velocidade ferroviaria para 2012.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: